AO REDOR DOS 20 ANOS DO PROXECTO

Ponte nas Ondas! no A Fondo desta semana

Ponte nas Ondas! no A Fondo desta semana

A experiencia educomunicativa e transfronteiriza, merecente do premio Ondas, chega neste 2015 aos 20 anos coa preparación dunha nova candidatura á Unesco. É o argumento do A Fondo desta semana, disponíbel aquí.


Hai vinte anos que, á par que a inauguración da ponte entre Salvaterra e Monçao, outra arañeira comunicativa se erguía sobre o Miño. Nacía Ponte nas Ondas, un proxecto que implicaba a diversos centros educativos dun e do outro lado da fronteira, xunto con varias emisoras de radio, á procura daquilo que nos é común. Ponte nas Ondas! non parou de medrar dende entón. En novembro recibiu o Premio Ondas á mellor cobertura informativa e neste 2015, no que fará as dúas décadas, volverá presentar candidatura á Unesco  para que o patrimonio inmaterial galego-portugués forma parte da súa lista representativa. Neste A Fondo, coordenado por Rocío Pereira e Santi Veloso, repasamos a traxectoria e os retos desta iniciativa educativa que une as dúas beiras do Miño.

O patrimonio transfronteirizo

"PNO! conta coa implicación de profesorado, de alumnado e de expertos e expertas en diversos ámbitos, dende o etnográfico até o pedagóxico e musical. [email protected] no Sermos desta semana."

Ponte nas Ondas! (PNO!) supuxo, ao longo destas décadas, a implicación de profesorado, de alumnado e de expertos e expertas en diversos ámbitos, dende o etnográfico até o pedagóxico e musical. Con varias e varios deles contamos no caderniño de análise de Sermos desta semana.

Sobre os proxectos e iniciativas musicais de Ponte nas Ondas! fálanos a cantante Uxía. O papel de PNO! na recuperación da memoria común transfronteiriza é desenvolto por Álvaro Campelo, profesor na Universidade Fernando Pessoa do Porto, e Xosé M. González Reboredo, do Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego.

Canteira de xornalistas

Rocío Pereira, xornalista e coordenadora de Ponte nas Ondas!, repasa o papel do proxecto como canteira de profesionais. A experiencia en PNO! na primeira emisión de Ponte das Ondas!, en 1995, fixo espertar nela o interese pola radio e pola xornalismo, ao igual que aconteceu con [email protected] profesionais actuais dos medios galegos. "Paula, Hugo, Elia..., coma min, viron espertar a ilusión polos medios naquelas xornadas de radio e, de non ter sido así, é moi posible que as nosas vidas fosen distintas", afirma.

Dende a visión da docente fala a profesora María Xesús Álvarez Paz, que resume a fórmula de Ponte nas Ondas! como unha combinación entre educación, patrimonio, medios e novas tecnoloxías, pois, aínda que a radio segue a ser o seu recurso educativo principal, PNO! navega hoxe en día tamén en Internet e nas redes sociais. "A experiencia ─afirma─ tenta superar a fronteira estabelecida polos Estados-Nación e conseguiu poñer en valor a situación  estratéxica de iniciativa transfronteiriza".

"Pecha o A Fondo cun chamamento ao respaldo social á nova candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco, que se pode facer dende www.opatrimonio.org"

Cara a unha nova candidatura á Unesco

Do camiño percorrido e dos retos pendentes fala, para este caderno, Lourdes Carita, presidenta da Associaçao Cultural e Pedagógica Ponte nas ondas! en Portugal. Refírese, na entrevista concedida para este A Fondo, ás dificultades, mesmo por parte dos estados español e portugués, que hai dez anos obstaculizaron a primeira candidatura á Unesco do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Pecha o A Fondo cun chamamento ao respaldo social á nova candidatura, que se pode facer dende www.opatrimonio.org. Porque, tal e como sinala Rocío Pereira e Santi Veloso, nun momento "no que a construción da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal parece que avanza impulsada por circunstancias socioeconómicas conxuntas, o ʻcementoʼ que pode articular as relacións entre os habitantes deste territorio común non pode ser outro que o patrimonio compartido, o patrimonio vivo que se mantén aínda na cultura tradicional e nas persoas portadoras".

O A Fondo é o caderno de análise do semanario Sermos Galiza, co que se entrega conxuntamente. Tamén é posíbel adquirilo por separado, e ao prezo de 50 céntimos, na nosa loxa.