Sermos chega ao número 100, a fronteira que cruzaron O Tío Marcos D'A Portela, A Nosa Terra e Nós

Sermos chega ao número 100, a fronteira que cruzaron O Tío Marcos D'A Portela, A Nosa Terra e Nós
A Nosa Terra
A Nosa Terra  

O semanario Sermos Galiza vai chegar esta quinta feira ao seu número 100.


Sermos Galiza é hoxe a única cabeceira que se mantén nos quiosques. Desafortunadamente.

Imos facer un repaso polas páxinas de tres cabeceiras que pasaron amplamente os cen números. Con diferente periodicidade de saída, semanal, decenal, con diferente orientación e contidos, mais sempre conscientes da necesidade de Galiza contar cunha prensa que informase desde a nosa óptica, O Tío Marcos D´A Portela, A Nosa Terra e Nós son tres exemplos de traballo a prol dun único obxectivo: a información ao servizo dun País concreto que en largos períodos da súa historia tivo unha masa lectora moi baixa e na inmensa maioría analfabeta.

O Tío Marcos d´A Portela

O parrafeo 100 do Tío Marcos, oito páxinas, Ourense 18 de outubro de 1885, abre cunha especie de editorial titulado A caída d´as follas. De maneira irónica fálase da caída da folla nese outono de 1885, como van secando e caendo todas salvo as dos impostos, pois estas “son follas que reverdecen a miúdo e que se nutren do sangue dos afrixidos e dos labregos”. Textos de Francisco da  Iglesia González, Lisardo Barreiro, Manuel Núñez González. O Correo do Tío Marcos e a sección Casos e cousas fechan este parrafeo, non sen levar un anuncio, en verso, na contracapa. Un anuncio da competidora da neve, a gaseosa.

Non terlle medo á raxeira
do sol, nin tampouco ó cólera
namentras haxa na Unión
os sifós de gaseosas.
[...]
Non houbo un home no mundo,
que bebendo gaseosa
morrese de indixestión
ou sentise a sede loba
porque vos é unha bebida
que coma ela non hai outra.

A Nosa Terra

O número 100 do boletín decenal A Nosa Terra saíu do prelo na Coruña o 15 de setembro de 1919. Constaba de 6 páxinas e a abre, a tres columnas, cunha especie de carta ao director, asinada en Lugo por Justo Rodríguez Paleo, rapaz namorado da súa terra coma poucos, en palabras de presentación do propio boletín.

Na carta formúlanse ao director unha serie de perguntas (que non contesta: “non contestamol-as perguntas do noso querido irmán) referidas a Leonardo Rodríguez, avogado e economista nado en Lleida en 1877. Militante do Partido Conservador, era un home de José Canalejas, que logo da súa morte se puxo baixo a protección de Augusto González Besada. Foi  deputado polo distrito de Lugo (1915-1916), e durante catro lexislaturas polo de Chantada (1916-1923).

“Cren os nacionalistas sinceiros, os que viven no sacrificio pola causa, os que dan as costas ó ésito persoal e conecen ós arrivistas que xurden no noso campo como a cizaña nos trigais, que o leonardismo, agora en candeeiro pode ser un xeito liberador da Patria escravizada? [...] Pensen, pensen ben todolos bos galeguistas. Non caian no vello vicio de  sentirse aparvados ante o brillo dun exministro”

Textos de M. Porto Casás, Avelino Rodríguez Elías, Eça de Queiroz, Roberto Blanco Torres, Noriega Varela, A. Villar Ponte, Correa Calderón (cun texto titulado “Divagacións sobre a modernidade do galego), Ramón Cabanillas, xunto con información sobre os movementos rexionalistas en Franza. Dous anuncios de vapores de compañías francesas que saen da Coruña con destino a América completan as seis páxinas do boletín. Por certo que o prezo da pasaxe en terceira clase é de 384,60 pesetas nun caso e de 369,60 noutro.

Nós

O número 100 de Nós, 15 de abril de 1932,  abre cun poema de Carvalho Calero, continúa cun ensaio sobre Goethe a cargo de R. Otero Pedrayo; un texto de Ramón Vilar Ponte sobre Constanza de Castro, unha das fillas do Mariscal; Bouza-Brey estuda un epígrafe da igrexa de San Miguel de Sarandón, nas terras da Ulla. Alfonso Vázquez aporta unhas notas “que consideramos de intrés” para a explicación dos traballos necesarios na restauración e conservación de documentos.Vicente Risco prosegue, parte III, coa narración da súa viaxe a  Alemaña e Xaquín Lourenzo Fernandes remata o seu traballo “A muller no cancioneiro galego”. Xurxo Lourenzo explícanos como é o “Xogo do S. Xulián e  Álvaro de las Casas recolle cantigas “Pra un conzoneiro de Noia”

Remata o número 100 con crítica de libros, axenda e dúas páxinas de anuncios: o xabrón da Toxa, por unha peseta a pastilla. Seguen os “Plumeiros Rafium” o Sanatorio San Lourenzo e un taller de fotogravado. Un anuncio da propia revista fecha as doce páxinas do número cen.