Sermos Galiza fai 3 anos con 15,9 millóns de páxinas vistas

Sermos Galiza fai 3 anos con 15,9 millóns de páxinas vistas

26 de Abril de 2012. Nace un novo meio de comunicación. Ese día acceden ao web de Sermos Galiza 7.718 usuarias/os únicas/os. Nestes 36 meses, Sermos non deixou de medrar, desde a súa aposta por un xornalismo independente, alternativo, en galego e firmemente comprometido coas necesidades, as demandas e as arelas da nación galega e do pobo que a conforma.


3 anos despois, o sitio web de Sermos Galiza ten recibido, segundo dados de Google Analytics, 5.225.056 visitas, realizadas por un total de 1.413.768 usuarias e usuarios únicos. O número de páxinas vistas nestes 36 meses atinxe xa os 15,9 millóns, en concreto, 15.995.877.

Sermos Galiza consolidou tamén o seu espazo nas redes sociais, sendo neste momento o dixital líder entre aqueles que non son o web dun xornal diario. Destarte, Sermos alcanza os 28.925 aderentes, resultado da adición dos 15.997 de Facebook (líder absoluto, moi destacado) e os 12.928 de Twitter.

Dados á marxe, durante estes tres anos, Sermos Galiza tentou pór modestamente o seu grao de area na consolidación do espazo de comunicación galego, entendido este non só como aquel que emprega o galego como língua, senón tamén aquel que coloca Galiza como centro de gravidade, desde o cal enxergar o proprio país e tamén o mundo.

Neste tempo, Sermos apostou sempre no xornalismo, como meio de fiscalizar todo tipo de poderes, e tamén como altofalante para aqueles sectores da sociedade que carecen de voz porque os mass media sistémicos llela negan.

Esta é a viaxe na que ti nos acompañas, e na que nos acompañará no futuro -para iso traballamos todos os días, con acertos e, claro, tamén con erros- moita máis xente

Ese compromiso a prol do xornalismo alternativo, en galego e con Galiza como centro de gravidade é o que animou a criación de Sermos Galiza como proxecto de comunicación. Un proxecto que tivo dous fitos. Este que celebramos hoxe, o 3 aniversario do dixital, e outro que conmemoraremos en escasas datas, o 6 de xuño de 2015, en concreto, cando cumpra tres anos o semanario impreso Sermos Galiza, o único en galego nos quiosques.

Hoxe facemos tres anos. Tres anos é moi pouco tempo. Isto está comezando, si, e a boa noticia é que cada día somos máis na Comunidade Sermos. Máis asinantes. Máis leitoras e leitores. Máis colaboradoras e colaboradores. Porén, o mellor está por chegar. Non é posíbel concebir Galiza sen meios de comunicación propios. Propios do pobo. Esa é a nosa función, esa é a viaxe na que ti nos acompañas, e na que nos acompañará no futuro -para iso traballamos todos os días, con acertos e, claro, tamén con erros- moita máis xente.