115 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE MANUEL ANTONIO

Sermos lanza edición de "De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo" en epub.

Sermos lanza edición de "De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo" en epub.
constantino
constantino  

Sermos Galiza celebra o aniversario do nacemento de Manuel Antonio coa edición de De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo en formato epub.
 


Manuel Antonio naceu en Rianxo un 12 de xullo do ano 1900. Fai hoxe 115 anos. É o poeta vangardista máis orixinal da literatura galega, cun único libro publicado en vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (1928). 

Sermos Galiza pon á disposición de lectoras e lectores unha versión en formato epub deste poemario novidoso, ousado e rompedor co que a literatura galega se abre á vangarda plena.

A saída á luz deste libro supón para o seu autor a plasmación na práctica dos modelos teóricos que viña defendendo desde había tempo e a vangarda manifestase nel tanto no plano da forma como no plano do contido: nova disposición tipográfica, eliminación do ritmo e rima (aínda que neste conxunto de poemas, ás veces, podemos atopar algunhas pegadas dela), liberación no uso da sintaxe e da lóxica gramatical, novo xeito de entender a metáfora, que dará paso a imaxes ousadas e inusuais, anulación das coordenadas espazo-temporais e nova visión na elaboración argumental do poema. Todas estas características conducirán o poeta á creación dunha visión do mar totalmente nova e diferente

O CARTAFOL DO VENTO

O VENTO perdeu as follas
do seu cartafol
—esas que os chuvascos
mecanógrafos
teclean no manual dos mastros?

As gavotas non teñen quitasol
pero fan raudos equilibrios
polo aramio transparente
de tódalas ortodrómicas do ceo

O pailebote sen velas
—Serán esas que o vento
levou no seu cartafol?
tamén fai equilibrios no ronsel 

Coa boca aberta
—caille a baba—
está mirándonos o babión do Sol.

De catro a catro non tivo no seu tempo toda a recepción e difusión que merecía e, aínda que o libro foi bastante reseñado, a maioría das veces só se salientaba o seu carácter rompedor e novidoso, destacándose tamén a orixinalidade do seu autor, que non se cinguía a ser un mero retratista da paisaxe, contrariamente ao que sucede na actualidade onde a poética de Manuel Antonio leva aparellada un enorme e crecente interese polo seu estudo.

O texto que agora Sermos pon á venda vai acompañado dunha aclaración sobre a dedicatoria ao capitán D. Augusto Lustres Rivas. Na nosa loxa pode mercar o libro