#sermos118: canto teñen que subir os salarios?

#sermos118: canto teñen que subir os salarios?

Máis un semanario na rúa e novos contidos: a insdustria xoga suxo bo sector do leite, entrevistas a Martiño Noriega e ao actor Javier Gutiérrez, crónica da manifestación pola liberdade de Otegi...e moito máis. Xa á venda na nosa loxa.


O Sermos Galiza nº118 xa está na rúa e na loxa. Un semanario onde o tema central adicámolo desta volta os salarios e ao debate aberto. Após 10 trimestres de devaluacións salariais, o propio establishment económico e político comeza admitir que se fai necesaria unha suba de soldos para tirar de demanda e o consumo. O que non deixa de ser unha emenda á totalidade do discurso mantido polo poder sobre como afrontar a crise. Adrián Dios completa a información co artículo “Baixar os salarios? Algunhas ideas contra o discurso neo-liberal”.

Entrevistamos a Martiño Noriega, coordenador nacional en funcións de Anova-Irmandade Nacionalista: “"Anova sae desta asemblea nacional coherente consigo propia", afirma. Tamén analizamos o decorrer dunhas asembleas abertas nas que o BNG vese reforzado. O Consello Nacional do Bloque analizará polo miúdo este sábado 18 de outubro o proceso de asembleas abertas no que participaron 5.000 persoas por todo o país. Xavier Vence xa avanzou que foi xeral o sentir por “un proxecto de país, con forzas políticas propias”.

O ébola

'Ébola. O virus que a neglixencia engordou’. Os recortes, a mala xestión ou a teima por botarlle as culpas aos demais deixa o Goberno español de novo en evidencia após unha traballadora galega fose contaxiada nun hospital de Madrid pola perigosa enfermidade, da que intenta recuperarse namentres se intensifican as queixas do persoal dos hospitais públicos. “Non nos dan seguridade”, afirman desde a CIG-Saúde.

Tamén falamos de como a Xunta otorgou a unha empresa privada as prazas dun centro vigués, xestionado durante 47 anos polos propios familiares baixo unha entidade sen ánimo de lucro. “Ninguén nos vai a convencer de que van a estar mellor nunha residencia privada que nun centro que levamos os pais”, din os familiares.

Fimo e sector do leite

Como viven os traballadores aos que se lles adebedan 15 nóminas?’ Os catro empregados de FIMO, en Ferrol, acoden a diario aos seus postos de traballo mentres o xulgado anuncia a poxa dos 47.000 metros cadrados de recinto feiral polo impago dun préstamo de máis de medio millón de euros.

Ameazas ás explotacións e baixadas “unilaterais” dos prezos en orixe ameazan un sector no que Galiza é estratéxica, mais que adoece pola falta de intervención pública. Falamos desta realidade na reportaxe ‘A industria xoga suxo no sector do leite’.

Patinaxe artística e entrevista a un dos actores de ‘La isla mínima’

Aida Vieites leva a maxia ao Mundial’. A galega conseguiu un quinto posto no campionato de patinaxe artística que tivo lugar en Reus e confirma o seu grande momento de forma.

‘Liberdade para os 5’ é o título da crónica que fai David Pena da manifestación que percorreu Elgoibar, vila natal de Arnaldo Otegi,e que reclamaba a liberdade para o líder da esquerda abertzale, ben como para Rafa Diez, Arkaitz Rodríguez, Miren Zabaleta e Sonia Jacinto.

Entrevistamos a Javier Gutiérrez, actor galego que gañou a Concha de Prata e co-protagonista do filme ‘La isla mínima’: “Se o cinema que facemos non chega ao público non sería outra cousa que un exercicio de masturbación”.

Serra de Meira e Okapi

En Viaxes na Miña Terra percorremos a Serra de Meira e no Okapi ‘Dous libros “pelados” de orixe galega na lista dos mellores do mundo’. “Os libros Nicomedes o pelado de Pinto&Chinto de Kalandraka e Galiño Pelado de Paula Carbonell e Philip Giordano en Oqo foron escollidos como un dos douscentos mellores do mundo do ano, son os títulos galegos da The White Ravens 2014.

Na contra-capa entrevistamos a Jano, autor de banda deseñada e un dos responsábeis de O Botafumeiro. “Fuximos de tópicos”.