UN DIXITAL EN CLARO ASCENSO DE AUDIENCIA

SermosGaliza.Gal estrea deseño

SermosGaliza.Gal estrea deseño
Páxina de proba do novo Sermos
Páxina de proba do novo Sermos  Sermos

Semana de mudanzas en Sermos. Non só muda de pel o semanario: o diario dixital tamén estrea novo deseño. Será esta cuarta feira, en pleno momento de crecimento de audiencia. En 2015, Sermos consolidou a súa posición de lideranza en páxinas vistas (5,4 millóns) e nas redes sociais, sendo o único meio dixital que supera os 30 mil seguidoras e seguidores.


Un diario dixital máis cómodo de ler, coa información mellor organizada e coa adaptación de deseño responsive para todo tipo de pantallas, desde os computadores até as tabletas e os telefones móveis. Así se vai apresentar SermosGaliza.Gal a partir desta cuarta feira 3 de Febreiro. Vaino facer despois de completar un ano 2015 de consolidación e crecimento. Sermos continúa a ser o diario dixital líder en número de páxinas vistas (con 5,4 millóns) e incrementou nun 22,7% o número de usuarias/os únicas/os, ao totalizar 613.506. Nas redes sociais Sermos é con moito o dixital líder no Facebook, con 18.001 amigas e amigos. No conxunto das redes é o único entre os meios redixidos en galego que supera a barreira das 30.000 persoas seguidoras, en concreto alcanza xa a cifra de 33.266.

Nas redes sociais Sermos é con moito o dixital líder no Facebook, con 18.001 amigas e amigos

"O que tencionei facer co novo deseño é estruturar mellor a información e facer a vida máis cómoda ás persoas leitoras, que achen antes as cousas e que vexan antes o que Sermos xulga máis relevante", explícanos Miguel Suárez, ourensán de 40 anos recén feitos e autor da nova maqueta do Sermos. "Categorizar a información. Facer a leitura máis áxil, menos monótona, identificar máis rápido os titulares, o que é importante. Eses eran os retos", afirma este integrante da plataforma Opennemas.

A tipografía eleita para o traballo é unha bitter. "É limpa, lexíbel a calquer tamaño que a poñas, cómoda de ler. Todo está pensado para que funcione nos diferentes aparatos e nos distintos tipos de pantalla. Os tipos, os interlineados...", relata.

"Facer a leitura máis áxil, menos monótona, identificar máis rápido os titulares, o que é importante. Eses eran os retos", afirma Miguel Suárez, o autor do novo deseño

O novo Sermos é máis ancho. Pasa dunha amplitude de 960 píxeles, ríxida ás mudanzas, a un ancho de 1.280 adaptábel ao ser deseño responsive a todo tipo de pantallas.

Muda tamén a cabeceira. Sermos Galiza aparece cunha letra máis miúda, na parte superior esquerda da páxina. Sermos en branco, non en negro. "A proposta era apañar as cores corporativas e darlle personalidade", explica Suárez. E enfatiza que, embora encolla o tamaño, a marca destaca máis. "Eu sempre explico que non sempre é cuestión de tamaño, senón de procurar o equilibrio, que a cabeceira respire, xogar coas marxes, que non fique encaixonada", ilustra este deseñador de xa longo currículo profesional, con incursións en todos os campos do deseño gráfico, desde a infografía até o 3D pasando pola imprensa e, por suposto, o mundo dixital.