"Música en Branco" pecha en días a convocatoria de proxectos e abre o contedor de feminismos

"Música en Branco" pecha en días a convocatoria de proxectos e abre o contedor de feminismos
Música en Branco
Música en Branco  

O domingo péchase o prazo para recibir microproxectos culturais na convocatoria para seren financiados no programa Música en Branco que se desenvolve na Coruña. A oitava barriografía, unha nova camiñada de Paseos polo Barrio e o Contedor de Feminismos despide a iniciativa pola memoria sonora do Orzán até o outono. 


Quen queira optar ao financiamento dun microproxecto para o programa Música en Branco ten que acelerar a imaxinación xa que o domingo péchase a convocatoria aberta nesta iniciativa de Sinsal Audio e o Concellería de Cultura para recuperar a memoria sonora da Agra do Orzán.. As propostas escollidas apoiaranse con entre 2.000 e 3.000 euros para o seu desenvolvemento no mes de outubro.

Para entrar na convocatoria non é preciso ser da Agra do Orzán, poderanse presentar iniciativas de todo o territorio galego con tal de que o proxecto xire arredor do patrimonio sonoro e musical do barrio da Coruña. Búscase a participación, en especial da veciñanza, a través dos colectivos que se moven no barrio, de persoas interesadas ou de quen teña unha idea brillante para recuperar e dárlle vida á música do Orzán. Para a elaboración dos microproxectos pódese tirar partido do traballo desenvolvido por Sinsalaudio na primeira etapa do proceso no que a consulta de fontes e máis de sesenta entrevistas forneceron un material de grande valor para coñecer o barrio e a súa historia cultural.

O domingo péchase o prazo para presentar microproxectos que poden ser financiados por Música en Branco

Os proxectos deben implicar dunha maneira ou outra á cidadanía e terán que desenvolverse como mínimo nun día e nun mes como máximo. Poderanse realizar nos espazos do barrio, comercios, áreas comerciais, escolas, locais sociais, bares ou no Centro Ágora.No blog www.musicaenbranco.org atópase a ficha de solicitude que comper acompañar dun CV antes do 30 de xuño. Máis información en  http://musicaenbranco.org/convocatoria/.

A investigación, a participación activa da veciñanza e a programación de actividades son os tres eixos sobre o que se constrúe Música en Branco,o proxecto de Sinsalaudio para o Concello da Coruña que se está a desenvolver no barrio da cidade. 

O feminismo en contedor 

Unha das últimas accións de Música en Branco será a instalación do Contedor de Feminismos o próximo día 3 de xullo ademais da oitava Barriografía, o proxecto de radio no propio barrio conducido por Xurxo Souto, e unha nova camiñada de Paseos polo Barrio. 

O Contedor de feminismos xurde dunha idea da deseñadora Uqui Permui e trátase dun arquivo móbil que busca recuperar, mostrar e documentar as historias das mulleres, das loitas feministas e de liberación sexual. Ao se adaptar a distintas condicións, neste caso, o contedor centrará a súa acción na memoria sonora e musical das mulleres migrantes na Agra do Orzán. 

Diante do Ágora situarase a instalación na que o público pode escoitar as historias das mulleres do barrio. A artista Carme Nogueira é a autora do dispositivo de mostra que fora inaugurado nas xornadas “Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos” en 2009. 

A última barriografía antes do verán terá lugar ás 11.00 horas o sábado en Katanga e consistirá na ollada ás identidades urbanas conducido, como toda a serie de programas radiofónicos itinerantes, de Xurxo Souto.  O domingo ás 11.15 terá lugar a última camiñada de Paseos polo Barrio desde Meicende até o Estadio do Deportivo.