SERMOS-248

110 anos do himno de Pondal

110 anos do himno de Pondal

Alén do centenario do pasamento do poeta bergantiñán, este 2017 lémbranos tamén que hai 110 anos que se interpretaba por primeira vez de forma oficial o himno de Galiza na Habana. Foi un 20 de decembro de 1907 no Centro Galego por iniciativa de Xosé Fontenla Leal. Porén, a letra orixinal do poeta non é a que chegou aos nosos días e se oficializou en 1984. E agora, por mor destas efemérides, regresan os intentos de restaurala. Eis un extracto da reportaxe que sobre este asunto publicamos no Sermos 248.


A profesora María Pilar García Negro vén de publicar Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), unha obra case reportaxeada na que desenterra os avatares polos que pasou o himno desde que foi oficializado pola Lei de Símbolos de Galicia (5/1984) e os posteriores intentos liderados por ela mesma como deputada do BNG no Parlamento para recuperar o texto correcto do poema, tal e como o concibiu Eduardo Pondal.

3

Ao fío desta publicación, o Bloque presentou unha proposta no Parlamento o pasado 22 de maio -por iniciativa da Federación Galiza Cultura e da Fundación Galiza Sempre- para "retomar os traballos iniciados en anteriores lexislaturas para restituír a versión orixinal do poema de Eduardo Pondal".

García Negro explica a razón desta publicación: "Non é que pretenda resucitar ou exhumar unha historia parlamentar, senón que ollando para o futuro neste 2017 en que se celebra o centenario do nacemento de Pondal, preténdese que se proceda á modernización necesaria, entendendo por tal a recuperación da letra verdadeira, acompañada doutra pretensión fundamental, que o himno se cante íntegro tal e como a lei recolle, neste caso ben".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 248, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]