A EDITORIAL URUTAU CELEBRA NUN LIBRO TRES ANOS ENTRE GALIZA E BRASIL

17 poetas no xardín de medio lado

17 poetas no xardín de medio lado
Imaxe da feira do libro do Porto, onde se presentou 'Un xardín de medio lado'. Foto: Câmara Municipal do Porto.
Imaxe da feira do libro do Porto, onde se presentou 'Un xardín de medio lado'. Foto: Câmara Municipal do Porto.  
“as agullas dos eólicos / cosendo o tempo // as nubes / túmulos sagrados / coroando as montañas”, escribe Rebeca Baceiredo en Vésperas. É un dos poemas de Libro de horas (Urutau, 2019) e Baceiredo, unha das 17 autoras que reúne Un xardín de medio lado, subtitulado 17 poetas da Urutau na Galiza. Que cose non o tempo, senón dúas beiras do mundo galego portugués, Galiza, Portugal e Brasil.

“Para mim, esta publicação é uma celebração de um tempo e de algo que começou em 2016 e que segue resistindo ao tempo, aos governos e as desesperanças”, explica vía correo electrónico desde Porto Wladimir Vaz. Asiste á feira do libro cun posto da súa editorial, Urutau, responsábel deste Xardín. “Em outras palavras, Un xardín de medio lado celebra os encontros que a editora teve na Galiza desde o primeiro libro”, engade. Foi Na cadência do caos (2016), da mineira, de Minas Gerais (Brasil), Carla Carbatti, daquela estudante en Compostela.

un xardín de medio ladoCon un elevado ritmo de publicación, Urutau foi dando luz a un diverso e singular catálogo de libros de poemas. Entre eles, a reflexión sobre a casa e a formación do eu de Fronteira Paraíso (2019), de Silvia Penas -un verso seu bautiza a antoloxía-; o devastado O único lugar onde ficar inmóbil (2018), de Arancha Nogueira; ou o seco, prosaico, informativo O atentado de Ulrike Meinhof, de Ronsel Pan, até agora último título da colección. Mostras de todos eles aparecen en Un xardín de medio lado, escolmados polo propio Vaz e mais polo poeta Marcos Daniel Cabada.

“Talvez sinto que esta antologia vem para declarar aos leitores, principalmente brasileiros e portugueses, que a editora também é galega”, afirma o editor. O volume, de pequeno tamaño como para levar no peto, xa foi presentado en Portugal, na feira do Porto. Na Galiza está dispoñíbel. E a partir de finais de setembro, tamén chegará ao Brasil.

“Os nosos rostros estaban / nos ficheiros policiais. / Nós as subversivas. As que queremos cambiar o mundo. / Si, son humanista. Amo a humanidade / e ese porco fascista debe morrer”, di Pan en Eramos tres, dunha obra en que a intelectual e militante da esquerda radical alemá Ulrike Meinhof fala en primeira persoa.

Ademais das escritoras mencionadas, Un xardín de medio lado inclúe textos de Alfonso Rodríguez Rodríguez, Clara Vidal, Cristina Corral Soilán, Fátima N. Delgado, Moncho Iglesias Míguez, Yolanda López, Patricia Meira, Eli Ríos, Noa Moreira, Gaspar Domínguez e Manuel Miragaia.