ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

1936: A noite caeu sobre a Estrada

1936: A noite caeu sobre a Estrada
En 1932, con Teresa Martínez Magariños, a súa dona, unha cuñada e dúas sobriñas (arquivo MPG-AFF).
En 1932, con Teresa Martínez Magariños, a súa dona, unha cuñada e dúas sobriñas (arquivo MPG-AFF).  

Antonio Fraguas deixa Compostela para se instalar na Estrada. Comeza alí o curso como catedrático de Xeografía e Historia en 1933 e desenvolverá no centro o labor docente até o curso 1935/1936. Do seu paso pola Estrada trata este artigo.


Sen títuloEn 1991, van alá 28 anos, un grupo de mozos do asociacionismo cultural estradense achegámonos á casa de Antonio Fraguas a entrevistalo para unha publicación que tiñamos daquela. Queríamos que nos contase a súa vida no noso concello na época da república. Xa tiña intervido nalgunha conferencia na Asociación Cultural “A Estrada”, viñera a diversas homenaxes e despois da entrevista aínda teríamos ocasión de traelo a diversos actos dos cales quizais os premios San Martiño da A. C. “O Brado” constituísen a súa derradeira visita a un concello no que deixara unha fonda pegada. O certo é que no ambiente social e cultural estradense había un cariño especial por don Antonio e os novos non sabiamos de que viña e moito menos coñecíamos unha realidade que só quen a viviu podía dar conta dela. Ignorábamos tantas cousas que diante dunha ocasión coma esta, cunha testemuña tan excepcional, non podíamos resistirnos a interrogalo a fondo sobre todo o que nos foi calado.

Foi longa a conversa porque topamos coa sinceridade mais auténtica e sobre todo cun bo humor que nos sorprendeu e nos fixo tan agradable tantas horas de entrevista que nos pasaron voando. Relatou infinidade de anécdotas. Repasamos aqueles tres anos de intenso activismo cultural e político que remataron co 18 de xullo.

No instituto

Soubemos sobre todo do seu labor no Instituto da Estrada, no que chegou a facer un pequeno museo co resultado das escavacións nos castros da comarca, levadas a cabo xunto cos seu alumnado. A súa intención era que a rapazada valorase o que tiña, a súa historia.

Insistiu na súa concepción do galeguismo, que dixo que non era de esquerdas nin de dereitas. Era de amor á propia Terra e tratar de facer todo o que fixese falla para mellorala. Mais non ocultou que a súa militancia galeguista lle trouxo moitos desgustos. Sen querer entrar en concreto, ía facendo continuas referencias ás que tivo que pasar e como foron a por el.

A mellor herdanza que nos deixou foi o interese polo propio, o aprecio polo noso patrimonio

Co tempo soubemos do seu labor á fronte do comité para erixir un Monumento a Pardo de Cela na Estrada. Esta idea xurdira durante o bienio negro como un xeito de facer política por outros medios: Pardo de Cela era o símbolo da liberdade perdida da nación galega, mais tamén un chamado a coñecer a propia historia. Por iso quixemos retomar o seu proxecto e chamámolo a participar nun acto na Asociación Cultural “A Estrada” xunto coa xeración de novos historiadores que estaban a recuperar a memoria do noso pasado. E alí interveu xunto con Bieito Fernández e Anselmo López Carreira, que viñan de publicar unha Historia de Galiza.

Logo tivemos coñecemento do seu labor como director dun grupo de teatro no que traballaba cun grupo de rapazas das mocidades galeguistas que terán un papel moi relevante na campaña pro-estatuto. Logo tamén serán vítimas da represión franquista, levadas ao “cuartelillo” e rapadas a cero como foi o caso da actriz principal e líder as mocidades, Sara Caramés.

Pintadas a prol do Estatuto

O caso é que xa non tiñamos a Fraguas para lle preguntar. Seguimos tendo noticias da represión que sufriran os seus compañeiros de instituto. E contáronos da humillación pública que sufrira cando lle obrigaron a borrar con sosa cáustica as pintadas a prol do Estatuto e desfilar pola Estrada. “Eu aquel día vin a morte”. Era o que nos dicía cada vez que lembraba aquel momento. Doíalle falar do tema.

Coñecemos a carta que escribiu para tratar de que o repuxesen como ensinante, na cal, sen delatar a ninguén, tratou de compracer inutilmente a quen o afastara do seu medio de vida e a súa vocación.

Achegaba como mérito o ser vetado polos comunistas para alcalde da Estrada. O caso é que recentemente coñecemos os detalles desa historia e sabemos que non foi polo seu “anticomunismo”, xa que precisamente, como el recoñeceu, os seus represores lembraban perfectamente a súa boa relación cos do Partido Comunista, con quen partillou palestra en diversos mitins pro Estatuto pola Estrada.

Non temos a Fraguas para lle preguntar, mais aínda ten moito que dicirnos aos galegos en xeral, mais especialmente aos estradenses en particular

O caso é que o conflito interno dentro do Fronte Popular da Estrada, que levou a que os membros de Izquierda Republicana e Partido Galeguista se retirasen da xestora do goberno, foi o que o salvou. “De boa me librei”, lembraba cando recordaba a sorte dos que quedaron na xestora e foron fusilados o 5 de xuño de 1937.

O legado de Fraguas na Estrada foi unha xeración que veu de extinguise e que era receptiva ao nacionalismo, cando menos amante da nosa lingua e cultura. Os seus discípulos, dos cales sinalamos a Mario Blanco, Fita Varela ou David Ovidio, foron galeguistas ao seu xeito, pero fieis ao seu mestre até a súa morte.

Non temos a Fraguas para lle preguntar, mais aínda ten moito que dicirnos aos galegos en xeral, mais especialmente aos estradenses en particular. As notas do seu traballo sobre os castros da Estrada deixoullas a Bouza Brey, quen publicou un libro sobre isto, mais por enriba dos resultados concretos da súa pescuda, a mellor herdanza que nos deixou foi o interese polo propio, o aprecio polo noso patrimonio e o cariño co que divulgar os bens do noso Concello.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]