DÍA DAS LETRAS GALEGAS

2020, ano Carvalho Calero

2020, ano Carvalho Calero
[Imaxe: Moncho Rama] Ricardo Carvalho
[Imaxe: Moncho Rama] Ricardo Carvalho  Foto: Moncho Rama

Un dos vultos máis brillantes da literatura e da lingua galega, Ricardo Carvalho Calero(Ferrol, 1910-Compostela, 1990), será homenaxeado co Día das Letras Galegas o próximo ano. Así o decidiu o plenario da Real Academia Galega nunha sesión á que, tal e como avanzara Sermos Galiza, concorreron dúas propostas co escritor de Scórpio como protagonista. O nome saíu adiante con 21 votos a favor, un voto en branco e un en contra, segundo informou Víctor Freixanes en rolda de imprensa.


Tal e como informara, en exclusiva, Sermos Galiza, eran dúas as propostas que se presentaran para dedicarlle a Ricardo Carvalho Calero o Día das Letras Galegas de 2020. Unha delas, foi promovida polos académicos Xosé Luís AxeitosXosé Ramón BarreiroFrancisco Fernández ReiSalvador García-BodañoManuel GonzálezChus Pato, Xosé Luís RegueiraManuel Rivas e Euloxio Ruibal.

A outra, impulsada por Margarita Ledo, Xesús Alonso Montero e Ramón Villares, contou co apoio da Executiva da Academia, formada por Víctor Freixanes, presidente; Henrique Monteagudo; Marilar Aleixandre, Andrés Torres Queiruga e Fina Casalderrey. Entre as 13 sinaturas que avalaban a proposta atopábanse tamén as de Luz Pozo Garza, Pexerto Saavedra, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño, quen tamén apoiou a listaxe das nove académicas e académicos.

A presentación das dúas propostas, rexistradas con apenas unhas horas de diferenza por dous grupos de académicos diferentes, deron pé a unha polémica sobre o seu impulso orixinal.

O plenario da Academia deu luz verde á homenaxe a Carvalho Calero con 21 votos a favor, un voto en branco e outro en contra. Na rolda de imprensa posterior ao plenario, Freixanes cualificou o ferrolán como "un dos grandes intelectuais da cultura galega do século XX" e lembrou o seu papel na redacción do anteproxecto do Estatuto do 36 e que foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, en 1972. Aproveitou para reivindicar a recuperación da casa natal do homenaxeado.

O eterno candidato

O nome de Carvalho Calero figurara en até sete ocasións como finalista para recibir a homenaxe do Día das Letras Galegas. Moitas destas iniciativas estiveron arroupadas por comisións populares e entidades culturais como Medúlio e Artábria, de Ferrol, ou a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, que se teñen manifestado publicamente para recoñecer un dos máis grandes vultos das nosas letras. O BNG, que cada ano conmemora o ferrolán, e PSOE tamén se pronunciaran a favor do recoñecemento.

A preocupación de Carvalho pola lingua, tanto pola súa codificación como polo uso, arranca de moi novo e mantense ao longo da súa vida

Nunha entrevista publicada no número 338 de Sermos Galiza, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, sinalaba que “a nivel institucional, creo que todos somos conscientes de que a figura de Carvalho conta con méritos abondo para merecer o Día da Letras como intelectual e persoa comprometida coa cultura e a lingua do país”. Advertía de seren conscientes de que "dedicarlle o día a Carvalho Calero é abrir, se non un debate, si un horizonte en que a Academia debe ter unha posición moi clara e definida. A Academia non pode sementar a confusión”.

Carvalho tivo ao final da súa vida, salientaba, “unha opción respectábel, que defende un sector da intelectualidade galega, unha opción que implica un modelo ortográfico distinto do que historicamente defende a RAG”. “A Academia ten que saber que cando presenta publicamente unha figura como a de Carvalho podería estar presentando tamén este debate. É unha reflexión interna que non é a primeira vez que facemos. Eu non lle teño medo ningún, pero debemos ser claros diante da sociedade”, engadía.

Freixanes: Non me gustaría nada empezar a labazadas entre uns e outros na cara do vello profesor. Don Ricardo non merecería iso

A nivel persoal, Freixanes manifestaba estar convencido de que Carvalho sairía elixido. “Cando? Gostaría que fose máis antes que despois, pero son os académicos os soberanos e hai que valorar todas as posicións”. “Cando o poñamos enriba da mesa, e espero que o poñamos, temos que ser moi conscientes de que discurso levamos á sociedade, porque non me gustaría nada empezar a labazadas entre uns e outros na cara do vello profesor. Don Ricardo non merecería iso”, apuntaba o académico.

Unha das figuras máis relevantes da Galiza

Tal e como se recolleu na exposición “Carvalho Calero: de puño e letra”, comisariada por Xoán Costa en 2010, a preocupación de Carvalho pola lingua, tanto pola súa codificación como polo uso, arranca de moi novo e mantense ao longo da súa vida. Sobre a necesidade de crearmos espellos públicos para o uso do galego dan conta estas verbas extraídas dunha carta do 21 de maio de 1933 do propio Carvalho Calero a Fernández del Riego: “Paréceme moi mal que falaras en castelán no mitin escolar. Hai que partir da hipótese de que todos os estudantes de Santiago coñecen o galego. A tesis debe ser: en Galicia, como non se actúe como funcionario oficial nunca debemos falar en castelán en púbrico”.

Carvalho publicou once libros de poesía e en 1971 reuniu nun tomo o que, nas súas verbas, consideraba máis lexíbel ou visíbel do seu teatro. Un total de catro pezas ás que engade en 1982 outras catro. Ofreceu ademais  magníficos exemplos de obras ensaísticas, tanto nas conferencias e artigos de xornal como, mesmo, na súa obra científica. Nas súas colectáneas como Libros e autores Galegos ou Da fala e da escrita, salientábase na exposición, podemos achar bos exemplos. A súa obra narrativa abre coa que foi a primeira novela da posguerra galega, A gente da barreira, escrita tras a súa saída do cárcere, e prosegue con diversos títulos que van dende romances até obras de narrativa breve.

Ao longo da súa vida, desenvolveu un importante traballo de difusión cultural quer mediante conferencias quer mediante escritos en xornais

Ao longo da súa vida, desenvolveu un importante traballo de difusión cultural quer mediante conferencias quer mediante escritos en xornais. E é consciente das carencias que en materia cultural ten Galiza. Ao longo de toda a vida, foi consciente da necesidade da intervención pública, a través de calquera medio, para divulgar e visibilizar a problemática lingüística ou cultural. E foi na derradeira década da súa vida (1980-1990), cando acudiu a cantas  peticións lle foron feitas desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Agrupación Cultural da Coruña Alexandre Bóveda, a Sociedade Medulio, de Ferrol,  a Asociación O Facho, da Coruña a Associaçom Galega da Língua, etc.

A década de 1950, salientouse na citada mostra, confirma a vontade de Carvalho de se dedicar á crítica literaria. Primeiro por medio de colaboracións no suplemento semanal de La Noche, máis tarde co remate da súa tese de doutoramento, xermolo da Historia da Literatura Galega Contemporánea, referencia para o estudo da literatura galega contemporánea. A edición de textos, quer con carácter crítico quer con carácter antolóxico, foi outra das ideas constantes de Carvalho.

O nome do intelectual ferrolán regresa agora con forza á Academia despois daquel 17 de maio de 1958, cando ingresaba como membro de número

O nome do intelectual ferrolán regresa agora con forza á Academia despois daquel 17 de maio de 1958, cando ingresaba como membro de número. Fixérao co discurso “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”, que recibira a resposta de Ramón Otero Pedrayo.