21.100 apelidos únicos en Galiza

21.100 apelidos únicos en Galiza
[Imaxe: Xián Rodríguez] Andrea Martíns
[Imaxe: Xián Rodríguez] Andrea Martíns  

Hai no noso país 21.100 apelidos que teñen un único portador. No outro extremo, Rodríguez, o máis común en Galiza, que levan 237.000 persoas. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns dos antropónimos en perigo de extinción. Estas son algunhas das cuestións que se debullan no estudo '‘Antroponimia e lexicografía’, que edita Consello da Cultura Galega e Instituto da Lingua Galega.


‘Antroponimia e lexicografía’ é unha publicación elaborada polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega que pretende contribuír a afondar no coñecemento dos apelidos en Galiza. Un traballo que vén de ser presentado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, o director do ILG, Xosé Luís Regueira, e a editora do texto, Ana Isabel Boullón. Rodríguez é o apelido máis común en Galiza con 237.000 usuarios. Hai máis de 21.100 apelidos que teñen un único portador. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción. Estas son só algunhas das cuestións que se poden coñecer a través desta obra.

“Estamos ante unha obra que reúne unha serie de traballos realizados por algúns dos mellores especialistas nos seus ámbitos e que procura avanzar no coñecemento científico dos apelidos en xeral, con especial atención aos apelidos galegos”, afirmou Ana Isabel Boullón. 

Todos os apelidos e nomes de Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870


A publicación pretendía reunir diferentes contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos. Pretendíase así coñecer de primeira man as dificultades e facilidades que outros autores tiveron á hora de enfrontarse a un dicionario de apelidos como o que se está a elaborar en Galiza. Así, no volume destacan os contributos de Patrick Hanks, autor de varios dicionarios de apelidos no ámbito anglosaxón (nomeadamente Irlanda, Bretaña e os Estados Unidos), e Alda Rossebastiano, que analiza a antroponimia dunha zona transfronteiriza de Italia. Tamén se recollen as achegas Dieter Kremer, impulsor do proxecto PatRom (acrónimo de Patronymica Romanica), que, segundo a profesora Boullón, “deu pulo os estudos antroponímicos en toda a Europa románica e reflexiona sobre as complexidades da pescuda onomástica”. Completa esta revisión da contorna un texto de Cristina García Gallarín sobre a confluencia entre antroponimia, toponimia e léxico común.


O ILG ultima a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, “é un proxecto que non ten parangón no ámbito lingüístico hispánico”. Nel recolleranse aqueles apelidos que teñen máis de 30 ocorrencias, que supoñen unhas 5.800 formas que abranguen 97% da poboación. Na publicación hai un artigo completo sobre este proxecto e nel achéganse datos como que hai máis de 21.000 formas que teñen un único portador (apelidos estranxeiros, variantes minoritarias de apelidos frecuentes, erros tipográficos, estandarizacións modernas dalgún nome ou mesmo formas en período de extinción).

17% dos apelidos actuais proceden da castelanización de apelidos galegos que se produciu desde o século XVI

Todos os apelidos e nomes de Galiza son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Boullón tamén explicou que 17% dos apelidos actuais “proceden da castelanización de apelidos galegos que se produciu desde o século XVI”.


O resto das achegas están enfocadas a diversos aspectos do estudo dos apelidos galegos. Gonzalo Navaza pescudou sobre a orixe de apelidos ata agora pouco explicados como son Cosmede, Andrade, Cividáns/Cividás, Paraxó); Luz Méndez explicou as dificultades derivadas da influencia da gheada e do seseo na transmisión dos apelidos pola interferencia da ortografía castelá (como en Bugueiro/Buxeiro, Gamardo/Xamardo). Pola súa parte, Xosé María Lema proseguiu a súa investigación sobre a onomástica da parroquia de Berdoias (Vimianzo). Finalmente, o último dos estudos constitúe unha aproximación nova a este tema; Valentina Formoso e Ana Iglesias aproximáronse ao valor simbólico dos nomes e apelidos, é dicir, á relación entre o apelido e a identidade. Para este tipo de análise, inédito en Galiza, empregouse a técnica do grupo de discusión entre xente nova. 

 



x