25x25: O 25 Fetega premia Celso Parada no 25 aniversario de Teatro do Morcego

25x25: O 25 Fetega premia Celso Parada no 25 aniversario de Teatro do Morcego
Celso Parada
Celso Parada  

Celso Parada recibe o Premio ao mellor actor no Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) no ano no que conmemora o 25 aniversario da súa compañía Teatro do Morcego. A actriz Rosa Álvarez e o espectáculo Bye, bye honey da compañía Obras Públicas foron tamén recoñecidas. 


O Festival de Teatro Galego do Carballiño recoñeceu nos premios da súa 25 edición ao actor Celso Parada, director da compañía Teatro do Morcego que está a conmemorar o seu 25 aniversario coa xira do espectáculo Misterio Cómico de Darío Fo, unha revisión da obra que representou nos inicios da súa historia teatral. 

Canda Celso Parada, o Fetega premiou a traxectoria da actriz Rosa Álvarez da compañía Lagarta, lagarta e a obra “Bye, bye honey” da compañía Obras Públicas, dirixida por Xosé Prieto como mellor espectáculo teatral por votación do público. O Premio Honorífico Fetega 2014 recaeu en Xan Pinal, fundador do creador do Festival. 

O actor Celso Parada está de xira cunha nova versión  da obra Misterio Cómico de Teatro do Morcego coa que conmemora o 25 aniversario da compañía, baixo a dirección de Julio Cardoso. Co “Misterio Cómico” conseguira a comezos dos anos noventa o premio Compostela de Teatro. 

Celso Parada fundou xunto con Isabel Ávila a compañía Teatro do Morcego en 1989 e desde entón desenvolveu a súa traxectoria teatral sen interrupcións. Espectáculos como Lazariño de Tormes, O burgués Fidalgo, Os vellos non deben de namorarse, A gran ilusión ou Morte accidental dun anarquismo contaron con directores como Júlio Cardoso, Bernardo Galli, Alvaro Lavín, Andrés Pazos, Xan Cejudo ou Quico Cadaval e un amplo elenco de actores e actrices entre as que se atopan Carlos Blanco, Laura Ponte, Miguel Varela, Miguel Pernas, Maxo Barjas, Inma Antonio, Luísa Merelas,  Gonzalo Uriarte, Casilda García, Mónica Camaño, Susana Dans, Elina Luances e E. R. Cunha “Tatán” entre moitos outros nomes.