A MIT COMEZA ESTE SÁBADO CON 21 REPRESENTACIÓNS

34 anos (e máis) de teatro en Ribadavia

34 anos (e máis) de teatro en Ribadavia
Espectáculo nunha MIT de Ribadavia pasada. Foto: MIT.
Espectáculo nunha MIT de Ribadavia pasada. Foto: MIT.  

É unha das mostras teatrais máis veteranas de Galiza. E, sen dúbida, das máis importantes. Na súa prehistoria atópanse as Mostras de Teatro Abrente, en funcionamento entre 1973 e 1981. Mais este ano a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fai 34 edicións consecutivas, cun programa de 21 representacións que “reforza os espectáculos de rúa”.
 


Entre este sábado 14 de xullo e o domingo 22, o teatro aprópiase da vila do Ribeiro. Entre os pratos fortes, salienta a organización, a estrea no Estado de La Gioia, do italiano Pippo Delbono, e Ella sobre ella, da directora e dramaturga uruguaia Marianella Morena. “Son dous grandes nomes do teatro contemporáneo”, di.

equipo MIT

Outro vector que a MIT quere situar entre os seus principios rectores é “o compromiso de igualdade”. No certame de 2017, puxeron en marcha as Tempadas de Igualdade, que este ano contarán con espectáculos de creadoras como A Panadaría, De Vacas, a propia Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll, Cristina Collazo, La Nórdika ou Lali Álvarez.

Ao tempo, a diversidade tamén se reflectirá na variedade xenérica e de linguaxes. Haberá circo e teatro documental, musicais e comedia, dramas e experimentación. Amais de Galiza, Italia e Uruguai, haberá participantes e compañías do Reino Unido, Portugal, México, e diversos lugares do Estado español.

Ademais, cursos, obradoiros, conferencias, presentacións de libros e obras en “lugares insólitos”: entre os viñedos do Ribeiro, polas aldeas da bisbarra ou no espazo SputMIT. “”Queremos poñer en valor a arte no marco excepcional da paisaxe do Ribeiro”, explica a organización, que dirixe Roberto Pascual.

Primeira fin de semana


Aínda que a apertura oficial da MIT será o sábado 14 de xullo, a anterior sexta feira xa haberá programación: a pre MIT. Neste caso, o auditorio Rubén García do Castelo acollerá Non se chora, de Teatro do Vilar. Trátase do “apoio da MIT ao teatro afeccionado de Ribadavia”.

Xa o sábado, ás nove da noite, un concerto de De Vacas no Patio do Xulgado inaugurará a semana. Corenta e cinco minutos despois, entregarase o premio de honra da mostra, que leva o nome de Roberto Vidal Bolaño e sinala “o mérito nas artes escénicas”. No auditorio Rubén García, ás once, estrearase Commedia, un xoguete para Goldoni, de Contraproducións e coproducido pola propia MIT. A xornada rematará con música na Praza Maior co Tour Vacanal, de De Vacas.

O domingo 15 de xullo haberá circo -á unha do mediodía no SputMIT-, un obradoiro con Marianella Morena, teatro de rúa na alameda e a presentación de Confio-te o meu corpo. A dramaturgia pós-dramática, de Afonso Becerra de Becerreá. La Gioia, de Pippo Delbono, un dos fitos da 34ª mostra, terá a súa estrea no auditorio do Castelo ás once da noite.

Nota: foto do equipo que se encarga da MIT. De pé, con camisa verde de cadros, o seu director Roberto Pascual.



x