O SEMANARIO CUALIFÍCAA DE “ROAD MOVIE' METAFÍSICA”

'The New Yorker' escolle 'Mimosas' entre os mellores filmes de 2017

'The New Yorker' escolle 'Mimosas' entre os mellores filmes de 2017
Fotograma do filme 'Mimosas' de Oliver Laxe.
Fotograma do filme 'Mimosas' de Oliver Laxe.  

O crítico estadounidense Richard Brody leva case 20 anos escribindo para o semanario The New Yorker. Importante analista da obra de Jean-Luc Godard, contra final de ano elabora listas cos mellores filmes da tempada. Na última, publicada a pasada sexta feira, hai presenza galega: Mimosas, dirixida por Oliver Laxe (París, 1982) e producida pola coruñesa Zeitun Fims.
 


“Unha road movie metafísica sobre un grupo de viaxeiros que acompañan a un xeque marroquino enfermo”, describe a obra Brody, “a través da incríbel montaña e o deserto salvaxe ate a súa vila natal. O protagonista é o visionario actor non profesional Shakib Ben Omar”. O artigo, titulado The best movies of 2017 [Os mellores filmes de 2017], recolle 35 fitas e salienta como “evento máis relevante no mundo dos filmes” as denuncias de “abusos sexuais” contra o produtor Harvey Weinstein e “outros homes poderosos”.

Mimosas, a segunda longametraxe de Oliver Laxe e gañadora do Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes, aparece no posto 33. Get Out, unha obra de terror que reflexiona sobre o racismo en Estados Unidos é que dirixiu Jason Peele, encabeza a escolla de Brody. Bruno Dumont, Terrence Malick, Paul Thomas Anderson, Agnès Varda, Matías Piñeiro, Hong Sang-soo ou David Lynch son algúns dos cineastas fundamentais do presente que comparten espazo co galego.

Laxe comezou este verán en Galiza a rodaxe do seu novo traballo, en que participan actores non profesionais e que trata sobre os incendios forestais.



x