78 concellos carecen de biblioteca pública

78 concellos carecen de biblioteca pública
A Biblioteca Carvalho Calaero no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.
A Biblioteca Carvalho Calaero no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.  
Os índices das bibliotecas galegas atópanse por baixo da media estatal en practicamente todos os parámetros. E 78 concellos carecen dese servizo. Estas son as principais conclusións que a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza extrae das últimas estatísticas publicadas polo Ministerio de Cultura, correspondentes ao ano 2017.

En Galiza hai 249 bibliotecas -unha menos que en 2016- públicas que funcionan en 336 puntos de atención, dez menos que en 2016. Só no número de documentos por habitante está o país por riba da media estatal: 2,15 fronte a 1,91, “dato que non necesariamente ten que ser bo xa que necesita dunha avaliación da colección”.

Adquiríronse 67,37 documentos por habitante, mentres no Estado foron 77,5. Realizáronse 1,75 visitas por habitante ás bibliotecas; a media estatal é de 2,25. Dos habitantes de Galiza, o 32,38% son socios dalgunha biblioteca pública. No Estado, o 36%.

Tamén o préstamo de documentos por habitante é máis reducido en Galiza ca a media estatal: 0,82 contra 1. As actividades en bibliotecas foron 2,53 por cada mil habitantes. No Estado, 5,16. O gasto corrente destinado a bibliotecas en Galiza foi de 8,56 euros por habitante, e no Estado de 10.10 euros. Finalmente en Galiza hai un bibliotecario ou bibliotecaria por cada 4.819 habitantes e no Estado por cada 4.308.   

A asociación de profesionais do ramo salienta, porén, algunhas medidas da Administración autónoma “que contribúen a mellorar eses datos” sen as que “os datos serían aínda peores”. Menciona as axudas a adquisición de fondos bibliográficos, o apoio á realización de actividades de animación á lectura como Ler Conta Moito ou o interese na mellora das ferramentas de xestión.

Mais o balanzo é pesimista e denuncia a “redución das partidas orzamentarias e a falta de control das políticas e accións dos concellos” na materia. Ao tempo bota en falta maior cooperación entre administracións”.

Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza, cuxo acrónimo é Bamad Galicia, foi fundada en 1982.