PUBLICADOS POLA EDITORIAL NÓS

80 anos dos “Seis poemas galegos” de Lorca

80 anos dos “Seis poemas galegos” de Lorca

O 27 de decembro de 1935 a Editorial Nós, de Ánxel Casal, publicaba en Compostela os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, unha colección en galego que o poeta escribiu como homenaxe a Galiza.


O domingo, 27 de decembro, cúmprense 80 anos da publicación dos Seis poemas galegos de Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. Escritos en galego entre o 1932 e o 1934 coa colaboración lingüística de Ernesto Guerra da Cal, o poeta andaluz concibiunos como unha homenaxe ao país a raíz das súas viaxes á Galiza en 1916 e en 1932.

Admirador de Rosalía, Pondal ou Curros, Lorca ficou namorado de Compostela e chegou a dicir que no país se sentiu “poeta galego”. Os seis poemas que escribiu o poeta andaluz na nosa lingua son “Madrigal á cibdá de Santiago”, “Romaxe de Nosa Señora da Barca”, “Cántiga do neno da tenda”, “Noiturnio do adoescente morto”, “Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta” e “Danza da lúa en Santiago”.

Para conmemorar os 80 anos da edición destes poemas pola editorial Nós, convocouse un acto público ás 12h na rúa do Vilar.