A Academia conmemora o cincuenta aniversario da proposta do Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Del Riego en Vigo

A Academia conmemora o cincuenta aniversario da proposta do Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Del Riego en Vigo
Del Riego
Del Riego  
Cunha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, a RAG conmemora o sábado en Vigo o cincuenta aniversario da proposta do Día das Letras Galegas. Xosé Luís Axeitos actuará como presidente en funcións.

Cun pleno extraordinario que terá lugar na sede da Fundación Penzol en Vigo o próximo sábado día 23, a RAG homenaxeará a Francisco Fernández del Riego, dentro dos actos que conmemoran o centenario do seu nacemento.

Cen anos do nacemento do que fora o presidente “renovador” da RAG desde 1997 ao 2001 e cincuenta da Fundación Penzol a quen tan vencellado estivo levan á institución a desprazar o seu plenario extraordinario á cidade de Vigo na que o próximo sábado lembrarán aquel 20 de marzo de 1963 no que o propio del Riego xunto cos tamén académicos Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron conmemorar o Día das Letras Galegas mediante un escrito presentado á propia Academia.

Canda a Academia, participan nos actos a Fundación Penzol e o Concello de Vigo, que estarán representados polo alcalde Abel Caballero e o presidente da Fundación, Alfonso Zulueta de Haz, ademais do presidente en funcións da RAG, Xosé Luís Axeitos. A conmemoración terá lugar a poucos metros do local no que se imprimiu Cantares Gallegos, libro que marca o inicio da conmemoración e que está tamén este ano de aniversario. A cidade prepárase para unha celebración na que a Academia terá tamén protagonismo.

Será o primeiro pleno extraordinario e o primeiro acto oficial despois da demisión do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente, co prazo de tres meses xa aberto para a elección de quen o sucederá. O presidente en funcións anunciara que se tratará de cubrir o posto no menor tempo posíbel e desde a Academia deixase sentir a vontade de chegar a un acordo despois da crise.