A RAG vivirá hoxe o seu pleno máis decisivo

A RAG vivirá hoxe o seu pleno máis decisivo
Xosé Luis Méndez Ferrín
Xosé Luis Méndez Ferrín  
Sábese a hora de entrada, mais non a de saída. Tamén se descoñece como rematará a xuntanza do plenario da Real Academia Galega que hoxe está convocado na sede da rúa Taberna ás 18 horas . Poucos se atreven a afirmar tan sequer se, no remate, a institución terá ou non presidente. Ferrín demitiu o pasado 25 de Febreiro acosado por un escándalo de nepotismo e no meio dunha guerra larvada polo control da RAG. Contra prognóstico, este sábado o escritor abriu a billa a unha hipotética reconsideración da súa marcha: "Sempre se pode cambiar de opinión", dixo á imprensa. A súa demisión está na orde do día da xuntanza.

Até a filtración da orde do día, que non figura polo de agora na web da Academia, foi motivo de liorta diante deste plenario que se presenta como decisivo para a historia da institución. Sobre a mesa, entre outros, dous temas claves, o primeiro, responder á demanda dun grupo de académicos que na pasada xuntanza plenaria esixiron as contas anuais e a listaxe de persoas contratadas e as súas funcións. A segunda aceptar, no seu caso, a demisión do presidente Xosé Luís Méndez Ferrín e debater a proposta de Manuel Rivas que xa anunciou que ía levar ao plenario a súa demanda para que o autor de Retorno a Tagen Ata continúe á fronte da entidade que tivo en Manuel Murguía o seu primeiro presidente.

Arredor desas dúas cuestións fundamentais, todo son incógnitas. Malia seren moitas as voces que se teñen manifestado para que na Academia reine a paz despois dos enfrontamentos que saíron fora do edificio onde se desenvolverá o plenario, os ánimos non chegan calmos a esta reunión deste día 13. Por unha parte, os académicos que na anterior xuntanza reclamaron maior transparencia nas contas e unha xestión profesional dos orzamentos da Academia continúan coa mesma demanda e non revocarán a petición a pesar da revolta que suscitou no último mes. Queíxanse de que, pasado o tempo e cun novo plenario ás portas, seguen sen recibir algo, ao seu ver básico, como é unha listaxe das persoas que traballan na institución e as súas funcións. A dirección terá que levar algunha explicación ao plenario sobre o que se deitan tantas espectativas.

Se Ferrín non reconsiderar a súa demisión, algúns acadé[email protected] ollan cara a Rosario Álvarez como candidata a asumir a presidencia

Maior atención popular concita, porén, o futuro de Ferrín na Academia, após ter comunicado non só a súa demisión, senón tamén a renuncia a continuar na institución como numerario, unha decisión singular que aconteceu en moi poucas ocasións na entidade, a última delas, no caso de Jenaro Marinhas, en protesto polo trato que estaba a recibir Ricardo Carvalho Calero. Desde que o autor de Con Pólvora e Magnolias anunciara o seu portazo á institución, foron múltiples as voces individuais e colectivas que se dirixiron a el para que repensase a súa postura e conservase, no mínimo, a súa cadeira de numerario. Alén das dúas asociacións de escritores e escritoras, a AELG e o Pen Clube, foron destacadas persoas tanto da Academia como do mundo literario as que se sumaron para demandar que Ferrín continúe a ter presenza no edificio de Tabernas, por ben tamén do futuro da institución. A Fundación López Abente e o Instituto de Estudos Miñoranos son as dúas últimas que se sumaron á xa longa listaxe de apoios. Entre eles, un destacou con especial forza. O escritor Manuel Rivas -sen dúbida, outro dos nomes grandes da nosa literatura contemporánea- ergueu a súa voz con forza para pedir que Ferrín non abandonase a Academia e anunciou que levaría formalmente a súa proposta ao plenario. Será, sen dúbida, un momento histórico na institución, a imaxe dun Manuel Rivas a demandar a Ferrín que fique nos asentos de Tabernas, un encontro de grande altura con dous autores que teñen xa os seus nomes na historia da literatura. A relación entre ambos intensificouse nos últimos tempos e, desta maneira, foi o propio Ferrín o que presentou As voces baixas, o último libro de Rivas, na Coruña.

Manuel Rivas tomará a palabra no plenario para tentar persuadir a Ferrín de que continúe

Canda Rivas, varios académicos tercian para que Ferrín continúe. Entre outros, o propio Xosé Ramón Barreiro Fernández, anterior presidente que pode estar a ver tamén a súa xestión cuestionada polas mesmas razóns de falta de transparencia e anquilosamento.

Que pasará despois do plenario?

A incerta resolución do plenario abrirá un futuro complexo para a Academia. Se Ferrín non reconsidera a súa demisión, encetaríase un novo proceso electoral para o que aínda non hai candidatos. No plenario, ninguén quer falar de novos nomes mentres o actual presidente -que deixou caír a posibilidade dun cambio de opinión- non decida finalmente o seu futuro e confirme o anuncio feito por correo electrónico o día 25 de febreiro. Se así fose, poucos son os nomes que se aventuran para continuar na presidencia inaugurada por Murguía. Case todo o mundo apunta que, se Ferrín marcha, ninguén da executiva que el preside estaría en condicións de se apresentar. O círculo péchase nos pouquísimos nomes que na Academia terían natureza de “candidatábeis”, ben por estaren en situación persoal e profesional que o permita, ben por concitaren apoio abondo para sacar adiante a candidatura. Entre os posíbeis, as poucas persoas que se manifestan dirixen a súa mirada cara á posibilidade de que Rosario Álvarez puidese asumir a presidencia, unha posibilidade que polo de agora nin lle foi proposta nin siquera saberían se a até hai pouco directora do ILG estaría diposta a aceptar.

O que si está claro é que, pasar o que pasar, a Academia terá que se enfrontar a unha modernización da súa xestión, baseada en principios dunha administración máis transparente e acaída a unha institución que funciona integramente con cartos públicos.

Vintecatro académicos e catro académicas enfróntanse hoxe a un plenario difícil e tenso. Nas súas mans teñen un amplísimo informe que vén da anterior xuntanza, un encontro que foi o detonante da situación de ruptura á que agora se enfronta a institución. Desde entón, a demisión de Ferrín, acentuada coas duras acusacións do seu secretario Axeitos contra o ILG e o CCG -entidades con nutrida presenza en Tabernas- creou un ambiente irrespirábel na Academia que se apercibiu con especial claridade no acto de ingreso o pasado sábado de Xosé Fernández Ferreiro, o escritor que xa senta neste plenario na sala de xuntas da institución. Mália seren amigos de mozos, Ferrín non asistiu ao xantar do homenaxeado e fixo gala do seu descontento con algúns membros da Academia aos que o unía unha xa longa relación. Dous días despois, presentaba en rolda de prensa o recurso contra o decreto de plurilingüismo formulado perante do Supremo, unha accion que descoñecía unha parte do plenario e que o propio Axeitos esgrimira como unha das razóns do conflicto co ILG e a RAG, o que creou un novo foco de atención no conflicto.

A xuntanza adivíñase longa e dela sairán, sen dúbida, cambios que poden mesmo inaugurar un tempo novo na Real Academia Galega.