A “Alborada para Rosalía” bota a andar os actos oficiais do 150 aniversario de Cantares Galegos

A “Alborada para Rosalía” bota a andar os actos oficiais do 150 aniversario de Cantares Galegos
Costas, Ferrín, Angueira e Xiráldez, de esquerda á dereita
Costas, Ferrín, Angueira e Xiráldez, de esquerda á dereita  
A Alborada soará interpretada por centos de gaiteiros e gaiteiras por todo o país na mañá do 24 de febreiro. Anuncian o inicio do programa de actos oficiais para a conmemoración do 150 aniversario de Cantares Gallegos promovido pola Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo.

Coa “Alborada para Rosalía” soando por todo o país na mañá do domingo 24 de febreiro botará a andar o programa de actos organizados pola Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo para conmemorar o 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”, obra, que, como reza no cartel do deseñado por Pepe Barro para a data “marca o comezo da Galicia contemporánea” por todo o país, de man de gaiteiros e gaiteiras que interpretarán unha peza que, ao dicir do presidente da Fundación, Anxo Angueira, quere simbolizar o “espertar de Galiza, alegre, chea de ilusión”. O día do nacemento da escritora é o escollido para iniciar as actividades do programa do 150 aniversario do “libro fundacional” que se imprimiu por vez primeira Vigo, cidade onde se centrarán boa parte dos actos de cara ao mes de maio. Abrirase para ese mes unha exposición arredor da obra e a escritora e a zona vella será o escenario da conmemoración cidadá para a que se convocan asociacións, entidades e particulares, con rúas e prazas engalanadas no que anuncian como unha festa participativa.

Como pórtico, o día 24 as tres entidades protagonizarán na praza de Vigo de Compostela pola mañá unha ofrenda floral ao pé do monumento á escritora para logo se dirixir á Casa da Matanza en Padrón onde se celebrará a mediodía o acto institucional. “A sociedade galega vai ser un fervedoiro para conmemorar a Rosalía” dixo Angueira, referíndose tamén aos actos que teñen previsto organizar asociacións e entidades para ese día e á participación popular en todos eles.

Terá lugar o acto nunha casa en remodelación, na que as obras preparan unha renovación tamén da zona expositiva para a que Pepe Barro está a deseñar o proxecto museográfico. Barro é tamén o autor do cartaz conmemorativo da data que se pode descargar na nova páxina web da Fundación na que se habilitou un espazo especial para que os gaiteiros e gaiteiras podan acceder ao “kit” completo para a data. Un cartaz, a letra, a partitura e un texto para que a Alborada soe como símbolo de festa Rosalíana en todo o territorio.

O presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, fixo especial fincapé no “Vigo moderno” da xénese editorial da obra fundacional. A cidade, dalgunha maneira, simboliza ese momento no que a escritora, coa publicación de Cantares “dá a orde de escribir en galego, radicalmente en galego”.

Se Ferrín situou na “proxección transnacional” da poeta unha das eivas que compre salvar no recoñecemento da súa figura, o vicerrector da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas non dubidou en pronunciar a lenda “Rosalía é mundial” para explicar unha das accións que a institución que representa botará a andar para o aniversario: traducir a Rosalía a 50 idiomas e pendurar os textos á maneira de tendereiro pola cidade, para que a veciñanza se poda apropiar deles.

Desde a páxina web da Fundación faise un chamamento a gaiteiros e gaiteiras para que a Alborada sexa a banda sonora do día. O representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Olimpio Xiráldez, agradeceu o convite que trasladan aos 900 socios e socias para interpretaren unha peza que, ao seu ver, "ten unha versión distinta por cada gaiteiro que a toca".