As mulleres da conserva chegan á Mostra de Ribadavia da man de Cándido Pazó

As mulleres da conserva chegan á Mostra de Ribadavia da man de Cándido Pazó
Cándido Pazó
Cándido Pazó  

“Otelo” da compañía chilena ViajeInmóvil inaugurará o día 19 de xullo a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que ten como pregoeiro a Antón Reixa. Estrearase “As do peixe”, de Cándido Pazó e dirixido por Cristina Domínguez con historias de vida das conserveiras. 


O texto é de Cándido Pazó mais a directora é Cristina Domínguez. Un elenco composto por Mónica Caamaño, Susana Dans, Rocío González e Silda Alfaro darán vida ás conserveiras de As de peixe un espectáculo arredor da crise do sector produtivo que deu man de obra a milleiros de mulleres do mar que ten a súa estrea na 29 edición da Mostra de Teatro de Ribadavia. A estrea será o 24 de xullo no Auditorio do Castelo. 

Tamén o Romance dos figos de ouro de Roberto Vidal Bolaño representarase por vez primeira na Mostra, da man de títeres Cachirulo, nunha representación que lembrará de maneira especial á figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas, con espectáculos como Criatura e BailadELAS ou outras actividades no programa. 

As compañías galegas compartirán programa con outras que veñen dos máis variados lugares, como a compañía belga Ballets C. de la B. con The old King de Romeu Runa e dirixido por Miguel Moreira, o arxentino Claudio Tolcachir con El viento en un violín ou La Zaranda co seu último espectáculo sobre unha epidemia porcina. A programación complétase con representacións na rúa e oferta para crianzas que se poden achegar, entre outros, a A mano, premio ao mellor espectáculo na Feira de Teatro para a Infancia e a Xuventude ou ás novas producións de Fantoches Baj. 

O presidente da SGAE, Antón Reixa será o encargado do pregón que botará a andar a nova edición da Mostra de Teatro de Ribadavia.