A paixón pola cultura marítima tradicional cumpre 20 marés no mellor lugar posíbel, O Freixo

A paixón pola cultura marítima tradicional cumpre 20 marés no mellor lugar posíbel, O Freixo
O XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia será no Freixo (Outes) en xullo de 2013 e neste porto cumprirá esta cita os seus 20 anos de existencia. Agárdanse centos de embarcacións, de tripulantes e de visitantes procedentes de diversos países europeos. Proa Sempre!

O Freixo, en Outes. Eis o emprazamento que acollerá en xullo o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a actividade bianual organizada pola FGCMF (Federación Galega pola Cultura marítima e Fluvial) e que neste ano cumpre 20 anos de existencia, desde aquela primeira edición en 1993, en Ribeira. Dúas décadas de paixón polo mar e pola múltiple e complexa variedade de embarcacións galegas. E tamén por moito máis, paixón por toda unha rica e ampla cultura en torno ao mar: Cancións, historia, trafegos, paisaxe, gastronomía,... O Freixo ten un lugar moi importante na historia da construción naval en madeira en Galiza, pois alí chegou a haber máis de 40 estaleiros. Actualmente, segue a ter varios en activo. Aliás, o fondo desta ría é unha das máis importantes zonas marisqueiras, especialmente de berberecho.

A organización que fai de anfitrioa é Terra de Outes, unha asociación que ten unha longa traxectoria, "e unha demostrada capacidade organizativa, ao que hai que sumar a experiencia que achegan as outras entidades da FGCMF (Mar de Noia, Joaquín Vieita, A Ostreira de Abelleira, Mar de Muros e Canle de Lira) que tamén se mergullan nesta edición.

GZ, capital europea de cultura mariñeira

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, amais tamén doutros países. Así, barcos de Portugal, Euskal Herria, Bretaña, Irlanda, España ou Italia son habituais nestas citas. E todos coas súas correspondentes tripulacións

Aliás, nos encontros sempre hai  un completo programade actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, e demáis. A mellor garantía de que milleiros de visitantes se acheguen até os encontros ano tras ano.

A celebración dos mesmos ten por finalidade principal "poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro".