CRÍTICA DE CINEMA

'A pereira salvaxe', por Andrés Castro

'A pereira salvaxe', por Andrés Castro
Fotograma do filme
Fotograma do filme  

A pereira salvaxe

Ahlat Agaci

(Turquía-Francia-Macedonia-Alemaña-Bulgaria-Suecia-Bosnia i Herzegovina 2018, 188 min.)

Dirección: Nuri Bilge Ceylan

Guión: Akin Aksu, Ebru Ceylan e Nuri Bilge Ceylan

Fotografía: Gökhan Tiryaki

Elenco: Dogu Demirkol, Murat Cemcir, Bennu Yildrimiar, Hazar Ergüçlü, Serkan Keskin, Temer Levent, Öner Erkan, Ahmet Rifat Sungar

SINOPSE

Após obter a gradación, Sinan regresa a súa vila natal en Turquía. O seu proxecto inmediato será o de publicar o seu primeiro libro, pero as débedas do seu pai, os conflitos familiares e a burocracia institucional faranlle topar coa crúa realidade.

pereira2CRÍTICA

Oitava longametraxe do turco Nuri Bilge Ceylan e enésima vez que participa no Festival de Cannes. Desta volta rompe unha espectacular racha na que viña gañando premio cada vez que se presentaba no certame. Cinco de cinco. Comezou con Uzak (Gran Premio do Xurado), seguida por Os climas (Premio FIPRESCI), logo Tres monos (Premio a Mellor Director), Era unha vez en Anatolia (Gran Premio do Xurado) e, finalmente, Sono de inverno, coa a que acadou a prezada Palma de Ouro (ver Sermos Galiza nº129). A pereira salvaxe non foi agraciada, mais si obtivo unha ovación de máis de quince minutos.

A historia segue os pasos de Sinan (Dogu Demirkol), un mozo turco que volve ao seu pobo natal após rematar a carreira. Nuri Bilge Ceylan volve deixar a súa particular mirada arredor das relacións familiares e humanas, abordando grandes temas como: a familia, a amizade, a política, a relixión, a educación, a cultura ou o traballo. Todos estes temas, e algún máis, xorden nas diferentes situacións que vive o protagonista e que están aderezadas con extensas conversas, cheas de frases para a posteridade, que mantén durante esta película río de tres horas de duración, tres horas que pasan voando...

A pereira salvaxe, entre outras cousas, fai referencia ao título do libro que intenta publicar o bo de Sinan. Nun momento dado el mesmo define a novela como “un traballo de observación social libre, de apuntes persoais dramatizados, de confesións íntimas, libres de calquera fe, ideoloxía ou autoridade. Unha meta-novela de auto-ficción”. Unha definición que lle encaixa bastante ben ao filme.

As andanzas que vive o rapaz están inspiradas na vida do co-guionista Akin Aksu, o cal explica os escintileos de realidade cos que está batuxado o filme. Dogu Demirkol, cómico profesional, fai un excelente traballo poñéndose na pel dun mozo cheo de soños que se ve subxugado polo amor-odio que lle ten ao seu teimudo pai adicto ao xogo (Murat Cemcir). A vida ensinaralle que as cousas non sempre son como un espera... Un mosaico de excelentes secundarios e secundarias danlle á réplica nunha sucesión de secuencias verdadeiramente fascinantes. Atención ao encontro cunha amiga da infancia (Hazar Ergüçlü) ou á xenial conversa cun famoso escritor (Serkan Keskin) e, por suposto, ao clímax final.

O director turco gusta de ter sempre o control absoluto da súa obra. Produce, dirixe, co-escribe o guión (xunto a súa muller Ebru Ceylan e Akin Aksu) e tamén edita. Un ano levoulle editar esta magna obra que, na súa primeira versión, duraba cinco horas. Unha montaxe que chama a atención nas formas pois, en non poucas ocasións, sáltase “as normas de montaxe” (o cal non quere dicir que estea mal) e hai un especial coidado para que nada sobre. Todo conta. Nada estorba.

Pode parecer que tres horas sonche moitas horas, pero Nuri Bilge Ceylan fai un verdadeiro alarde de síntese para narrar, nun só filme, unha apaixonante historia familiar (que atrapa) ao tempo que fala polo miúdo de temas universais e ademais pon o foco no estado das cousas no seu país, con especial fincapé na corrupción, o machismo, as oposicións, as casas de apostas, os bancos, as subvencións, a violencia policial, o servizo militar, o terrorismo, o rural ou incluso nas telenovelas turcas. E non pasa de puntiñas precisamente...

Curiosamente o das telenovelas turcas seica é todo un fenómeno viral no país e, dun tempo a esta parte, tamén en boa parte do mundo grazas a diferentes plataformas dixitais. De seguro esta circunstancia atraerá ducias de seareiros e seareiras de series como Hercai o Fatmagül a ver A pereira salvaxe. Sería unha sabia decisión.