A RAG leva ante o Supremo o decretazo da lingua e denuncia a negativa ao diálogo da Xunta

A RAG leva ante o Supremo o decretazo da lingua e denuncia a negativa ao diálogo da Xunta
Executiva da RAG
Executiva da RAG  
Ferrín anuncia que a Academia interpuxo un recurso de casación ante o Tribunal Supremo de Madrid contra o decreto da lingua para pedir a súa “anulación total” e amósase convencido de que teñen “moitas posibilidades de gañar”. A presentación do recurso foi aprobada pola totalidade de membros do plenario.

A batalla xurídica contra o decretazo da lingua da Xunta do PP chega até as máximas instancias estatais. O presidente demisionario da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou dende a sede da rúa Tabernas da Coruña que a institución cultural presentou no Tribunal Supremo de Madrid un recurso de casación contra a sentenza do TSXG referente á polémica norma lingüística do actual goberno galego, da que só anulou dous puntos. “Pedimos a anulación total”, afirmou Ferrín, que tamén se mostrou optimista xa que, segundo as súas palabras, “falei con algúns avogados e me dixeron que presentamos un recurso moi bo e temos posibilidades de gañar e cambiar así a presente política cultural”.

“Nós temos unha boa relación coa Xunta, menos neste asunto”, afirmou Ferrín, que estivo acompañado por Xosé Luís Axeitos e Manuel González. Este último foi o que recoñeceu que o recurso de casación presentado pola RAG podería chegar a retirarse se o goberno do PP estivese disposto a sentarse a negociar unha mudanza da súa política lingüística. Ferrín denunciou o desleixo co que o Executivo de Feijóo tratou á Academia nesta cuestión: “Antes da elaboración do decreto, a RAG solicitoulle á Xunta poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Infelizmente a Xunta impediu que a RAG cumprira a súa función, o que nos obriga ao noso pesar a reivindicar de xeito legal a defensa do idioma, a única razón de ser desta Academia que fundou Murguía”.

Disenso no Parlamento e na rúa 

“Vivimos nunha situación de diglosia, cun bilingüismo desigual que mantén o galego en inferioridade e con esta acción a RAG pretende que se actúe a prol da normalización, para a cal o sistema educativo é decisivo. Queremos que se volva á norma aprobada por unanimidade en 2004, cando Feijóo era vicepresidente. Teño saudade daqueles tempos nos que había consenso sobre o galego no Parlamento, agora hai disenso, no Parlamento e na rúa”, indicou o presidente da Academia, que lamentou que “a algúns que parece que non lles importe que se extinga o galego botarían as mans á cabeza se derrubaran o Pórtico da Gloria, cando o idioma é unha obra moito maior”.

Nin Ferrín -nin os membros da Academia que o acompañaban- quixeron referirse durante a conferencia de prensa a outras cuestións como a hipotética reconsideración da súa demisión.

,