A 'Santa' xa está na casa

A 'Santa' xa está na casa
[Foto: Xunta] A 'Santa' na súa chegada a Galiza
[Foto: Xunta] A 'Santa' na súa chegada a Galiza  
A Santa de Francisco Asorey volve pisar terra galega, após case sete décadas de exilio. A transgresora escultura formará parte da exposición Galiza, un relato no mundo, que acollerá a Cidade da Cultura a partir de 14 de novembro.

A Santa de Asorey retornou na segunda feira 4 de novembro a Galiza, para formar parte da exposición Galiza, un relato no mundo que acollerá a Cidade da Cultura a partir de 14 de novembro. Autoridades, estudosos, familiares do escultor e representantes da diáspora uruguaia acolleron o regreso da peza após case sete décadas en Montevideo.

A polémica escultura retrata unha labrega co corpo espido, marcado polos duros labores do agro, nunha representación que se afasta a pasos de xigante do estándar da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX. Porta, ademais, un xugo de vacas, que potencia a mensaxe de traballo e sometemento. A atrevida proposta estética do cambadés foi por iso cualificada de “grotesta” e xerou gran debate non só pola maneira de formular o corpo feminino, senón pola súa lectura política como símbolo da situación da Galiza na época.