UN VERÁN EN GALEUSCA

"A sementeira", por María Reimóndez

"A sementeira", por María Reimóndez
Colaxe de Emma Pedreira.
Colaxe de Emma Pedreira.  

Sermos Galiza, Berria e Vilaweb puxeron en marcha por vez primeira "Un verán en Galeusca" coa publicación das narracións de autoras e autores galegos, vascos e cataláns traducidos ás tres linguas. A sección partillada polos tres medios botou a andar en xullo no semanario en papel e as próximas sextas feiras farao no diario dixital. Comezamos coa narración de María Reimóndez, "A sementeira", ilustrada cunha colaxe de Emma Pedreira.


Para todas as persoas do colectivo Defende a galega, que coa súa coraxe resisten por todas nós cada venres e cada día á manipulación informativa na TVG

Esa mañá matinou na lista de agravios. Unha das súas amadas, Lobeira, dicíalle que tiña unha relación malsá co seu traballo. Mais o seu traballo non era só o seu traballo. Era unha porta ao mundo, era algo que lle daba sentido a estar en sociedade. Non é que ela tivese afán de minusvalorar outras profesións, mais sen xornalismo, non había xeito de manter un espírito crítico.

Ro había ben de tempo que pensaba nestas cousas, na imposibilidade de pensarse cando o espello que se nos pon de diante está totalmente deturpado. Aquilo das fake news non o inventara Trump, era boa! En Galicia había décadas que os medios propuñan a mentira como un universo de verdade mentres que o outro quedaba baixo a terra coma as patacas. Mais as patacas son nutritivas e un día ou outro, pensaba sempre Ro, tiñan que alimentar.

O día chegara por fin. O día era hoxe.

Tentárano por outras vías. Meses e meses de venres negros. De crear vídeos de denuncia. De buscar apoios. Meses de sancións. Meses de inxustiza.

A última de moitas, afirmar que o galego era unha desvantaxe nas probas de ABAU. En que cabeza enferma podía coller que saber máis era unha desvantaxe? En que cabeza podía verse a diversidade lingüística coma un problema? Ro coñece demasiado ben a resposta a esa pregunta. Convive con ela cada día, coa dirección dun medio que debe servir os intereses do público e da lingua e que dá a coñecer antes calquera problema da Pantoja ca toda a creación cultural en galego xunta.

Como era posible que non saísen nos informativos as deseucaliptizacións masivas realizadas había nada? As feministas, esas mulleres ás que nunca se entrevistaba? O traballo incesante a prol da lingua no ensino, contra todo prognóstico? Terroristas, pailanas, irrelevantes. Así era a representación das persoas galegofalantes no único espazo que tiñan para verse reflectidas. As estratexias eran arteiras e planificadas. As persoas expertas: todas castelán falantes. As galegofalantes: parodias de si mesmas, humor groso, irrelevancia e idade avanzada..

Mais abondaba.

Mirou cara á mesa onde descansaba o móbil antigo, ese que non podía hackearse nin localizarse. Unha cousa antediluviana, un aparello que, como dicía H, era a chave do futuro. Ela, que sabía penetrar todos os segredos das redes e das conexións, defendía que no futuro tería valor todo aquilo que non estivese en liña, todo aquilo que non fose unha pantalla, todos aqueles artefactos únicos e particulares: os libros, os concertos, os agarimos. Ro quería crer que H tiña razón, mais polo de agora o importante é que ela sabía as claves. H fora quen montara o equipo técnico. Fixera falla un tempo bastante considerable para desentrañar como lanzar “a sementeira” (porque “ataque” é o que fan eles, dicíalle H).

Enriba da mesa, os billetes que a levarían lonxe, se cadra para nunca regresar. Ou polo menos non ata que as cousas cambiasen, o cal podía ser o ano próximo, ou nunca, dependería moito do que pasase hoxe. Mais H prepara todo para que puidese reunirse con ela, alá en Islandia.

Colleu a súa mochila coma todos os días, nela levaba a infección, e a maleta co que decidira rescatar. Non tiña nada que perder, era ela ou ninguén. O resto tiñan familia, ou un can. Ela botara a vida desprendéndose de cousas e vivindo nunha especie de rede de afectos que Lobeira, que traballaba nun viveiro, lle dicía que eran coma as raíces das árbores. Raíces que se comunican e crean un espazo invisible para a vista, mais indispensable para a vida.

Mesmo a sementeira de hoxe sería imposible sen esa rede que fora creando. Sen ela non prepararían o material que entraría na pantalla e nas redes en canto H activase a sementeira: o informativo verdadeiro, as reportaxes, os vídeos, os debuxos animados... unha programación completa e alternativa que se repetiría en bucle durante vinte e catro horas ata que fosen quen de parar o virus. “E iso aínda lles ha levar un anaquiño”, ría H. Cantos máis días rule, mellor, pensaba Ro.

Imaxinaba os rostros estrañados ao poñer a tele nas cafeterías, nos bares, nas casas. Planificaran o inicio, claro está, un venres. Un venres negro máis. Imaxinaba a confusión ao non haber Luar, un fito que era case equivalente ao anuncio da fin do mundo. Estaba certa de que a curiosidade sería máis poderosa ca o desacougo de quedar sen ver o Gayoso.

Sería evidente en canto pescudasen un mínimo, que a sementeira saíra do seu ordenador. Ese que agora acendía para instalar o dispositivo extraíble que H lle fixera chegar polas vías máis incribles (agochado nun paquete de Amazon que contiña uns zapatos!). O plan estaba claro: introduciría o virus, logo diría que se sentía mal, e marcharía a Lavacolla. Avisaría a H de que todo estaba listo antes de embarcar no segundo voo. E aí empezaría todo.

Aí empeza todo. Ro non pode evitar acceder á web da televisión en canto aterra en Reikiavik. A tempo para ver como a pantalla se invade de patacas a botar raíz para logo transformárense en eucaliptos que nunha especie de “quen é quen”, comezan a dar a volta e a amosar a cara de Núñez Feijóo e a destapar os intereses do goberno e de ENCE nestas plantacións. Logo, tal e como planificaran, dá entrada o informativo. E por fin as caras que foron relegadas á escuridade toman de novo a pantalla para contar o que acontece: a corrupción, a explotación do medio natural, as miles de ordes de afastamento por violencia de xénero. Hai entrevistas, hai música, hai libros, hai teatro, hai curtas, hai a promesa do que podería ser a televisión que merecemos e non a que temos. Hai un país diferente que só precisa ser visto. E mentres os servizos técnicos da televisión corren coma pitos sen cabeza, a Ro cáenlle as bágoas porque para iso se fixera xornalista. Para sementar. E hoxe era por fin o día en que puidera, sen permiso de ninguén e con axuda de moitas, facelo.

Biografía

María Reimóndez (Lugo 1975) é tradutora e intérprete de profesión e autora en lingua galega cunha ampla obra publicada que toca dende a poesía ao ensaio. Na narrativa destacan obras como O club da calceta (Xerais 2006) e o ambicioso “Ciclo dos elementos”, unha serie de sete novelas independentes pero interrelacionadas das que se levan publicadas catro, En vías de extinción (Xerais 2013), A música dos seres vivos (Xerais 2015), Dende o conflito (Premio Xerais 2014) e As cousas que non queremos oír (Xerais 2018). Reimóndez é tamén unha prolífica autora de literatura infantoxuvenil con obras coma Usha (Xerais 2006), Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Corredora (Xerais 2017) ou Fóra do normal (I Premio Agustín Fernández Paz) e de poesía con obras como Moda galega (Edicións Positivas 2002) ou e Galicia en bus (Xerais 2018) XX Premio Johán Carballeira