O país dos mil festivais

O país dos mil festivais
Zona de acampada do Festival de Ortigueira. Foto: Galipedia.
Zona de acampada do Festival de Ortigueira. Foto: Galipedia.  

A oferta é inabarcábel. Medra a cada ano. Converteuse nun dos principais modelos de lecer do verán galego: o festival. Hainos de todas as cores e para todos os gustos (sonoros). Acollen lendas do heavy clásico e reivindicación nacional, troula herdada da tradición e tendecias pop de vangarda. Son en urbes e en carballeiras, nos peiraos e polas prazas. A música en directo ocupa cada fin de semana do estío.
 


Resurrection Fest, 11-14 de xullo
A meca das músicas duras trasládase a Viveiro. O Resurrection é un dos festivais de maior alcance dos que se celebran en en Galiza. Na súa edición número 13 pasarán polo escenario verdadeiros mitos do heavy metal -os alemáns Scorpions-, do trash -Megadeth- ou do hard rock glam -Kiss. O proxecto político musical de Tom Morello e Chuck D -Prophets of Rage-, o hardcore metalizado dos neoiorquinos Sick of it All ou o predicador dos Dead Kennedys Jello Biafra son outros pratos fortes do abondoso menú.

Festival internacional do mundo celta de Ortigueira, 12-15 de xullo
Se hai unha cita clásica, esa é a de Ortigueira. Na súa 40 edición haberá, claro, clásicos: Milladoiro. Os irlandeses Lúnasa ou os canadianos Yves Lambert Project achegarán outras xeografías. Os d'Abaixo súmanse á oferta galega. E o proxecto Runas para novas bandas dará aquenda a Brumafolk (Cantabria), The Taverners (Castela e León) e Beltaine (Polonia).

Abride a fiestra en Padrón, 13-15 de xullo

Mercedes Peón e Najla Shami figuran nas letras máis grosas desta iniciativa que celebra a vida e a obra de Rosalía de Castro. Non por acaso, é a fundación que preside Anxo Angueira a encargada de organizar unha festa en que as asistentes remontarán o río Ulla en embarcación tradicional, escoitarán a improvisación oral de Alba María e Xairo d'Herbón ou a poesía de Ismael Ramos ou Paula Antía Rei, e poderán ver a histórica fita Pelerinaxe lírica polos lugares rosalianos (1951).

Atlantic Fest na Illa de Arousa, 20-22 de xullo
O reino do mundo indie instálase na Illa de Arousa durante a penúltima fin de semana de xullo. Vultos internacionais como os ingleses Kaiser Chiefs ou The Vaccines encabezan o Atlantic Fest. Os cataláns María Arnal i Marcial Bagés e a súa rescrita do herdo folclórico con vontade política ou o andaluz Yung Beef, estrela do trap, ocupan unha máis que interesante segunda liña en que hai presenza galega coa cumbia de Esteban & Manuel ou o folk pop de Caxade.

Vive Nigrán. Picnic Pop Festival, 20 e 21 de xullo
Esteban & Manuel, dúa tropicalista de cumbia con sede en Compostela, repite no Vive Nigrán, un encontro enfocado ao pop e estradas anexas que encabezan os cataláns Sidonie e onde tamébn estará Depedro ou The Limboos, engraxado combo galaico madrileño de soul e rhythm & blues.

Festigal en Compostela, 24 e 25 de xullo
A Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, celebran cada Día da Patria, desde 2002, o Festigal. Ademais de feira da cultura galega cunha enorme variedade de postos de editoras, librarías ou discográficas, nesta edición -a 17ª- cantarán Ses, Sonia Lebedynski ou Rebelion do Inframundo -hip hop de combate desde o sur da Galiza. E dedican a festa ao rapeiro mallorquín Valtònic, exiliado en Bélxica por exercer a liberdade de expresión nas súas cancións.

Antros Pinos en Taragoña (Rianxo), 27 e 28 de xullo
Once anos hai que a mocidade de Taragoña (Rianxo) arma o Antros Pinos. Para este mes de xullo habilitaranlle escenario a, entre outros, dous veteranos e clásicos do rock galego: Zënzar e Ruxe Ruxe. O hip hop político de Ezetaerre ou a Orquestra Neverloura figuran tamén no cartaz.

Festival SinSal na illa de San Simón, 26-29 de xullo
Hai dous elementos singularísimos no Festival SinSal. Un, o escenario: a Illa de San Simón, na ría de Vigo, que foi lazareto, campo de concentración, museo e centro de actividades culturais, E dous, a programación: os e as asistentes navegan ate o lugar sen coñecer as propostas musicais achegadas pola asociación SinSal. Saben, iso si, que o criterio da programación é sempre avanzado, plural, curioso, e nunca esquece a produción galega.

Festival SonRías Baixas en Bueu, 2-4 de agosto

Tres días de punk -Terbutalina-, ska -os italianos Talco-, rock de arestas duras -Berri Txarrak-, crónicas políticas aceleradas -Gatillazo, con Evaristo de La Polla á fronte- enchen o SonRías Baixas en Bueu. O cartaz presúmese de gran tirón e dirixido a un público concienciado ou en vías de. Che Sudaka, Muchachito ou La Raíz achegan a face bailábel. Frenética, iso si.

Festa da Carballeira de Zas, 3 e 4 de agosto
Outro clásico. Así o certifican as 35 edicións que fai este ano a Festa da Carballeira de Zas, orientada aos sons de raíz pero sen se pechar en ningún estilo. Non por acaso este ano pasarán polo seu palco os pioneiros do heavy galego Astarot. Canda eles, Ses, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Caxade ou a irlandesa Niamh Ní Charra.

Osa do Mar de Burela, 14-18 de agosto
O cartaz do Osa do Mar, que retorna ás rúas de Burela logo dalgún tempo, vaise coñecendo aos poucos. De momento, sábese que protagonizan propostas galegas: o pop de aires punk de Oh Ayatollah!, de novo Esteban & Manuel, ou a electrónica folk de Baiuca.


Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), 17-19 de agosto
Quince anos transcorreron do primeiro Revenidas. Sons punk e urbanos, con nomes de primeira orde, continúan a estruturar a súa oferta. O hardcore progresivamente metálico dos vascos Soziedad Alkóholika aparecen entre os máis salientábeis. Canda eles, o hip hop de Ezetaerre ou dos andaluces Ayax e Prok, o celtic punk dos canadianos The Real McKenzies ou o oi! dos vigueses Keltoi.

Festival Noroeste na Coruña, 7-12 de agosto
A última mutación deste certame veterano -será a edición número 32- converteuno no máis estruturado dos festivais urbanos en Galiza. Prazas e rúas da Coruña serven de escenario á morea de artistas que conforman un programa ecléctico, de tendencia indie pero máis alá, con preocupación pola igualdade de xénero e os dereitos laborais. Entre os participantes, Ana Curra -ex Parálisis Permanente-, Laetitia Sadier Source Ensemble, Za!, os escoceses Belle and Sebastian, a cantaora Rocío Márquez ou o dificilmente clasificábel Dorian Wood.

Armadiña Rock en Combarro, 24 -26 de agosto 10 edición
O festival da vila dos hórreos ao pé do mar atinxe a década de exsitencia. Con Amparanoia como estrela, a primeira división das músicas galegas pasará este agosto por Combarro: Ses, The Lákazans, Terbutalina, O Sonoro Maxín ou Skándalo Gz.

Festival da Poesía do Condado, 1 de setembro
Trinta e dous anos -non consecutivos: houbo unha paréntese na década dos 90- leva o Festival de Poesía do Condado ofrecendo literatura nun contexto de festa popular na fortaleza estremeira de Salvaterra de Miño. Onde a música é imprescindíbel. Reducido este ano a unha xornada, haberá concertos de Sacha na Horta, Habelas Hainas, Rebeliom do Inframundo, Banda Xangai, Donicelas e Son da Rúa. É dicir, a habitual mestura de folk, pachanga e rap.

Festival da Luz en Boimorto, 7-9 de setembro

De traza clásica e con importantes artistas en nómina, o Festival da Luz en Boimorto discorre por un territorio ancho pero sen grandes sorpresas. Máis alá de nomes fundamentais de aquí -Os Resentidos sobre todo, pero tamén Agoraphobia- e acolá -Josele Santiago, Elliot Murphy. E logo unha restra de propostas que xuntan público de toda condición: Love of Lesbian, Señor Chinarro, Vargas Blues Band, Christina Rosenvige. A histórica cantante Luz Casal exerce, di a organización, de anfitrioa.

Wos Festival en Compostela, 12-16 de setembro

É o de programación máis arriscada. Cun pé nas electrónicas experimentais, outro no rock avanzado e outro nas músicas urbanas menos comerciais, o WOS aínda non anunciou os seus fitos. Polo momento, consta que haberá actuacións de Abu Sou, Christina Vantzou, Jass ou Skee Mask. Como en anos anteriores, en escenarios singulares da capital como a Igrexa da Universidade, a terraza da Fundación Granell ou o Teatro Principal.



x