O CONSELLEIRO DE CULTURA ANUNCIOUNO HOXE EN XINZO

A Xunta iniciará o estudo para a incoación do Entroido como BIC

A Xunta iniciará o estudo para a incoación do Entroido como BIC
Román Rodríguez, en Xinzo
Román Rodríguez, en Xinzo  

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou hoxe, durante a súa visita ao concello de Xinzo de Limia para participar nas celebracións do Entroido na vila ourensá, que o seu departamento iniciará o estudo para a incoación do Entroido galego como Ben de Interese Cultural (BIC) "en aras de conservar tanto o patrimonio material como inmaterial" destas celebracións.

Rodríguez sinalou que esta festividade, "con fondas raíces en Galiza, contribúe a situar á comunidade como un dos destinos favoritos para o turismo, tamén no inverno". Nesa liña, lembrou que o Entroido de Xinzo é desde o pasado 12 de febreiro (mediante resolución publicada no Boletín Oficial do Estado) Festa de Interese Turístico Internacional, distinción que comparte con outros nove eventos no país: as Semanas Santas de Ferrol e Viveiro, as lumieiras de San Xoán na Coruña, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, a Festa da Arribada da Carabela Pinta en Baiona, o Corpus Christi de Ponteareas, a Rapa das Bestas de Sabucedo, as Festas do Apóstolo de Compostela e a Romaría Viquinga de Catoira.

A provincia de Ourense, a que con maior intensidade vive o Entroido tradicional, conta ademais cun entroido de Interese Turístico Nacional (Verín) e outros cinco de Interese Turístico Galego (Viana do Bolo, Laza, Maceda, Manzaneda e Vilariño de Conso). O conselleiro apuntou tamén que foi a provincia galega na que máis medrou a demanda turística o ano pasado, cun incremento de preto dun 3%.