As compañías galegas de monicreques confirman a súa intención de unirse "en plataforma ou asociación"

As compañías galegas de monicreques confirman a súa intención de unirse "en plataforma ou asociación"
Estampa dunha representación no Encontro de Titiriteiros (Esteban Losada)
Estampa dunha representación no Encontro de Titiriteiros (Esteban Losada)  

"Os monicreques volveran ás aldeas galegas", e para conseguilo a industria xa está traballando en tres mesas de traballo distintas para reoganizar a industria da arte do teatro de monicacos na Galiza


"Os monicreques volveran ás aldeas galegas". É a principal conclusión do noveno Encontro dos Titiriteiros Galegos, que se desenvolveu durante a pasada fin de semana na localidade de Mondoñedo e que reuniu ás 22 principais compañías do país.

Arturo Pérez, da compañía Spaghetti, explica para Nós Diario que do Encontro dos Titiriteiros Galegos saíron "tres mesas de traballo" que “determinarán” o futuro desta arte na Galiza.

Na primeira decidirase sobre como se unirá a industria á hora de constituírse, "si en plataforma ou en asociación", indica Pérez. A segunda dedicarase aos circuítos rurais: “Trataremos de recuperar un mundo que era moi importante para nós e co que existe unha débeda histórica, porque as nosas orixes están alí e porque no rural tamén teñen dereito á cultura". 

Finalmente, a última mesa estará centrada no mundo das festas populares, aínda que non foi este o último tema abordado en Mondoñedo, onde tamén se falou do peche definitivo do Museo do Monicreque de Lalín, entre outros.