EXPOSICIÓN DE FOTO E VERSOS EN COMPOSTELA

Os palíndromos de Abe Rábade

Os palíndromos de Abe Rábade
Unha das pezas da mostra 'Na Fronteira do Espello', de fotos e palíndromos do pianista Abe Rábade.
Unha das pezas da mostra 'Na Fronteira do Espello', de fotos e palíndromos do pianista Abe Rábade.  

A conexión entre a música e as matemáticas é obxecto habitual de pensadores e intérpretes. Nun terreo próximo investiga o pianista de jazz Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977), pero desta volta como fotógrafo e poeta. A súa segunda exposición no mundo das imaxes, Na Fronteira do Espello, xunta fotos e versos derivados da súa experiencia como compositor.
 


Mais os versos de Rábade teñen unha particularidade: lense de esquerda a dereita e de dereita a esquerda sen que mude o sentido. É dicir, son palíndromos. “O pasado ano decateime de que tiña certa facilidade para crealos”, explícase o aclamado músico, “supoño que ten que ver con compoñer música, sobre todo para grandes formatos”. Ese traballo con motivos musicais, “pezas de información musical”, implica “solucións e axustes case axedrecísticos, xogar con espellos. É unha habilidade que ten que ver cos crucigramas e os sodokus”.

 

si amor eu quero máis

Á dimensión lúdica da linguaxe, que por veces deriva en sentenzas “unha miga crípticas, de pouso surrealista”, o pianista engade a súa outra paixón expresiva, a fotografía. “O meu interese pola foto vén de hai moitos anos. Fágoas practicamente todos os días e en 2015 realicei a miña primeira mostra, Covas de Luz. Agora xuntouse cos palíndromos de forma non planificada”, relata. E a través, de novo, coa música como ponte.

 

Abe Rábade adoita empregar imaxes para estudar contidos musicais, sobre todo aqueles “máis mecánicos”. “É un método para excitar esa parte que ten a ver coa elocuencia, que un músico nunca debe esquecer”, di, “e esa asociación entre imaxe e son ten un pouso emocional semellante ao que atopo entre as fotos e os palíndromos”. Eis a fronteira entre as artes que, ao seu ver, cómpre atravesar unha vez e outra, e en todas as direccións.

 

“Ao final, vexo Na Fronteira do Espello como unha vía de escape lateral respecto do meu universo musical”, afirma sobre a exposición que estará entre o sábado 17 de febreiro e o 21 de marzo na sala Os Catro Gatos de Santiago de Compostela. E que entre as 19 pezas acompañadas de 17 palíndromos en galego e dous en inglés incluirá a que será a cuberta do seu vindeiro disco.

 

O traballo atópase en etapa de presmetura e será o décimo segundo a nome de Abe Rábade, desta volta en formato trío. “Somos, despois de dez anos, un matrimonio musical a tres”, expón, en referencia ao contrabaixista Pablo Martín e ao batería Bruno Pedroso, que escoltan o pianista na súa primeira obra gravada en Santiago de Compostela.

 

Nota: peza da exposición Na Fronteira do Espello, de fotos e palíndromos de Abe Rábade.



x