NUN ACTO QUE TIVO LUGAR NA SEDE DA FUNDACIÓN BARRIÉ DE VIGO

Abel Tomé gaña o premio Illa Nova coa novela "A noite do lobo"

Abel Tomé gaña o premio Illa Nova coa novela "A noite do lobo"
Abel Tomé [Imaxe: Ed. Galaxia]
Abel Tomé [Imaxe: Ed. Galaxia]  

O xurado desta terceira edición destacou a prosa dinámica do autor, "na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes". 


A novela "A noite do lobo", do xornalista Abel Tomé (Outes, 1984), é a gañadora da terceira edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola editorial Galaxia. Así se anunciou este serán no decurso dun acto que tivo lugar na sede viguesa da Fundación Barrié e no que se entregou un galardón dotado con 3.000 euros e cunha escultura da artista Marta Lorenzo inspirada na onda que debuxara Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da mítica colección Illa Nova. 

O texto de Tomé foi elixido por unanimidade por un xurado composto por Paz Raña, Iolanda Zúñiga e Ana González Liste, e nas vindeiras semanas estará xa á venda nas librarías de todo o país na colección Literaria da editorial viguesa. A obra gañadora desenvólvese nunha época remota no acervo galaico-portugués e conta con referencias actuais e remniscencias de David Lynch, Mary Shelley e mesmo de Julio Cortázar. O relato está protagonizado por un atípico cazador de lobos e constitúe unha defensa do patrimonio natural no que tamén destaca a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial. O xurado valorou que nesta novela "o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes". Ademáis, subliña que "o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antropónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción".

Abel Tomé é graduado en Xornalismo e actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi merecedor do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía. Previamente, publicara xa en Galaxia "A noite do corvo" (2018), novela coa que fora finalista do Premio Illa Nova no 2017. 

Foi Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, a que fixo entrega do premio nun acto conducido por Malores Villanueva e no que interviron o director xeral e o presidente de Galaxia, Francisco Castro e Antón Vidal, respectivamente, así o propio gañador. A entrega contou tamén coa música de Su Garrido Pombo, cantante e compositora galega radicada en Vigo, que interpretou temas baseados en poemas de Ana Romaní ou Xohana Torres.

Hai dous anos Editorial Galaxia creou o Premio Illa Nova para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre os máis novos cando se cumprían 60 anos dende que botase a andar a xa mítica colección Illa Nova. Era 1957 e a Editorial Galaxia pretendía dar continuidade ao seu proxecto a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde viron a luz algunhas das principais obras do que se deu en chamar "Nova Narrativa Galega".

A Editorial Galaxia contou nesta edición coa colaboración do Ámbito Cultural de El Corte Inglés e da Fundación Barrié.