Aberto o prazo para escoller a Palabra do Ano 2019

Aberto o prazo para escoller a Palabra do Ano 2019
Captura de pantalla do Portal das Palabras, que escolle a Palabra do Ano 2019
Captura de pantalla do Portal das Palabras, que escolle a Palabra do Ano 2019  
O Portal das Palabras abriu o prazo para escoller a Palabra do Ano 2019, comezando polas propostas populares das verbas aspirantes. Após votación, a escollida darase a coñecer 27 de decembro.

O Portal das Palabras vén de abrir o prazo para presentar verbas aspirantes a se converteren na Palabra do Ano 2019. A elección colectiva do termo que mellor resuma a realidade que marcou os últimos doce meses constará de tres fases.

A primeira delas, na que calquera persoa poderá enviar as súas suxestións, permanecerá aberta até o domingo 15 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón. De 16 a 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos máis repetidos. A sexta feira 27 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2019.

Desde 2014, o Portal das Palabras escolleu as verbas que resumen o sentir da sociedade ao longo de 5 anos: deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —no centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).