About Time: unha viaxe no tempo

About Time: unha viaxe no tempo
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

Unha comedia british, coral, con bons momentos de guión e interpretacións estimábeis. Algo lastrada, iso si, por certa mensaxe machista e tradicionalista. É sexta feira? É. Ergo, aquí está a crítica de Andrés Castro.


UNHA CUESTIÓN DE TEMPO
Título orixinal: About Time
Ano: 2013
Duración: 123 min.
País: Reino Unido
Director: Richard Curtis
Guión: Richard Curtis
Música: Nick Laird-Clowes
Fotografía: John Guleserian
Reparto: Rachel McAdams, Domhnall Gleeson, Bill Nighy, Tom Hollander, Margot Robbie, Lindsay Duncan, Lydia Wilson

SINOPSE
Tim Lake (Domhnall Gleeson) é un tímido mozo con escaso éxito entre as mulleres. Un día o seu pai (Bill Nighy) revélalle que todos os homes da familia teñen a facultade de viaxar no tempo cara atrás a un momento determinado das súas vidas e revivilo ou facelo algo mellor. A partir de entón Tim comeza a usar ese don para tratar de conquistar a Mary (Rachel McAdams).


CRÍTICA
Terceira longametraxe do británico Richard Curtis após “Love Actually” e “Radio encuberta”. Todas elas tamén con guión propio. Coma naquelas volve a contar cun reparto coral en que as personaxes secundarias teñen bastante peso. Sae unha vez máis o seu actor fetiche Bill Nighy, pero nesta ocasión non fai de excéntrico. Interpreta o papel de pai modélico que sabe gozar con intelixencia da súa propia vida grazas ao poder de viaxar no tempo e que trata de transmitir esta sabedoría ao seu fillo. Cómese con patacas cada escena na que sae. O fillo en cuestión recae sobre o actor irlandés Domhnall Gleeson, mozo saído da saga de Harry Potter na que tamén participou xunto a seu pai Brendan Gleeson. Constitúe o seu primeiro papel protagonista é a verdade é que non o fai nada mal. No apartado feminino destaca unha xovencísima Lydia Wilson no papel da irmá un pouco atolada e happy flower. Papel pequeno pero tremendamente importante para a trama. A “moza” da película é para a canadense Rachel McAdams que, para variar, fai de ela mesma. Tamén é casualidade que xa fixera outra película titulada “Máis aló do tempo” (2009, Robert Schwentke) na que, aliás, namoraba dun home que viaxaba polo tempo. Quitando esta curiosa similitude, ambas películas non se parecen demasiado, aínda que ela fai case sempre o mesmo papel: rapaciña con cara anxelical, pero que non o é tanto. Porén, poñamos un pouco de atención porque esta rapaza pode dar moito que falar nun futuro próximo por estar fichada para o próximo proxecto de Wim Wenders.

A película falla en que hai un cheiro un pouco machista; con todo, hai drama e bos momentos de alta comedia

O guión de “Unha cuestión de tempo” ten unha premisa un pouco parva que hai que crerse desde o principio ou se non a cousa non funciona: os varóns dunha familia poden viaxar a calquera momento do pasado que xa viviron. Porén, pronto nos decatamos que esa premisa non é máis que unha escusa para contar outras cousas. A verdade é que apenas hai fantasía ou ciencia-ficción na historia, senón que simplemente utiliza a posibilidade de volver atrás no tempo para facer unha reflexión sobre a familia, as relacións de parella, as mulleres, a paternidade e a vida en xeral. Fálase do paso do tempo e de certas pautas de como poder gozar da vida que nos tocou vivir. O aspecto físico de Dohmnall Gleeson fai sospeitar que a historia ten algo de autobiográfico do propio director nunha especie de alter-ego no que facer terapia e descargar as súas inseguridades e más experiencias ao máis puro estilo Woody Allen, aínda que moito menos paranoico.

A película falla en que hai un cheiro un pouco machista cunha mensaxe bastante edulcorada e tradicionalista. Con todo, hai drama, interesantes reflexións e bos momentos de alta comedia. Logra emocionar e que se saia do cinema cun sorriso nos beizos. E iso hoxe en día é un logro moi a valorar. Os asistentes ao Festival de San Sebastián souberon apreciar este feito premiándoa co Premio do Público ao mellor filme europeo. Comedia british con reminiscencias de filmes coma “Nothing Hill” (en especial no papel excéntrico de Tom Hollander), e “Catro vodas e un funeral”, nas que por certo, Richard Curtis tamén era guionista. Unha película onde se xoga a revivir varias veces os momentos felices: pódese revivir varias veces a propia voda, pero hai poucas ganas de revivir o funeral dun ser querido. De feito nós mesmos xa estamos sendo viaxeiros do tempo nos nosos propios recordos. Película ben bonita especialmente recomendable para parellas e optimistas en xeral. Bon, que levante a man quen non quixo algunha vez poder volver para atrás no tempo para poder dicir unha frase máis axeitada que non se nos ocorreu no seu momento.