FOI O AUTOR DA TORRE DO RELOXO DA CATEDRAL DE SANTIAGO

A Academia de Belas Artes homenaxerá Domingo de Andrade

A Academia de Belas Artes homenaxerá Domingo de Andrade
A Berenguela
A Berenguela  

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu hoxe homenaxear ao longo de 2020 e, en especial o 1 de abril, Día das Artes Galegas, o arquitecto Domingo de Andrade, autor, entre outras obras, da Torre do Reloxo, coñecida popularmente como A Berenguela, da Catedral de Santiago de Compostela. A proposta foi subscrita por un amplo número de académicas e académicos, así como por diversos colectivos culturais do país. 

Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639-Santiago de Compostela, 1712) estudou na facultade de Artes da Universidade de Santiago (USC) coa intención de se ordenar sacerdote, aínda que finalmente se licenciaría noutra universidade. En 1669 era aparellador maior da catedral compostelá e en 1676 foi nomeado mestre de obras da mesma.

Nun comunicado, a Real Academia Galega de Belas Artes lembra que "a súa primeira construción significativa, e se cadra a súa obra mestra, foi a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, que, caracterizada pola súa monumentalidade e solidez, en harmonía co conxunto catedralicio, fan desta unha obra barroca de prestixio internacional".

Entre outras obras, en 1700 realizou o Pórtico Real de Quintana e máis tarde tamén a actual Capela do Pilar, "deseñada para usar como sancristía". Tamén en Compostela, Domingo de Andrade traballou no convento de San Domingos de Bonaval. Súas son tamén a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo e diversas obras na de Ourense.

Ademais da homaneaxe ao arquitecto De Andrade, a Real Academia Galega de Belas Artes elixiu dous novos académicos de honra, a fotógrafa Cristina García Rodero e o creador do Arquivo Lafuente, José María Lafuente.