A Academia de Belas Artes respira cor con Menchu Lamas

A Academia de Belas Artes respira cor con Menchu Lamas
[Imaxe: RAGBA] Menchu Lamas
[Imaxe: RAGBA] Menchu Lamas  

Menchu Lamas (Vigo, 1954) vén de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes como académica numeraria nun acto que tivo lugar o sábado, día 1 de decembro, no MARCO de Vigo e no que pronunciou o discurso “Cando a cor respira”.


A artista viguesa Menchu Lamas xa é académica numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes. Ingresou na institución co discurso “Cando a cor respira”, que pronunciou no acto que se desenvolveu no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Lamas iniciou a súa intervención narrando os contrastes culturais que experimentou de nena ao voltar de Venezuela, a onde emigrara a familia, á aldea da súa avoa, para despois entrar de cheo nas súas obras máis recoñecidas, que foron expostas na Bienal de São Paulo, en Nova York, no Instituto de Arte Contemporánea de Boston ou en Bruxelas, Gante e Namur.

A académica explicou como nos oitenta creou, xunto Antón Patiño, o movemento “Atlántica”, destinado a situar a arte galega no panorama internacional e a dinamizar as artes visuais na Galiza, “a fin dos oitenta na Galiza foron aires de liberdade que activou a cultura como elemento de transformación”.

“Cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo”, salientou Menchu Lamas

Menchu Lamas analizou a súa técnica e expuxo que entende a súa pintura “como unha evolución das formas, onde a composición quere rebentar o espazo delimitado polo formato cadro”. Centrouse no significado da cor, que considera algo “simbólico e real”, nas súas obras. “Cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo”, salientou para dar conta de que as cores posúen sentimentos.

O apoio de galeristas, coleccionistas e institucións tamén foi abordado por Lamas no seu discurso, en que quixo facer unha parada especial na mostra “Mulleres do silencio”, comisariada por Rosario Sarmiento. Unha exposición, dixo, necesaria para conseguir transmitir a mirada das mulleres, “agora seguimos loitando pola superación do chamado teito de cristal cunha gran presenza da muller no ámbito da arte e en todo o mundo hai recoñecemento ás achegas creativas femininas”.

Reivindicación do MARCO

Aproveitou a ocasión para reivindicar o MARCO, que se atopa nunha situación de incerteza e indefinición mais que conta coa defensa “moi firme”, indicou, por parte do sector artístico e cultural. “A arte e a cultura teñen que ser patrimonio de todos e por iso é importante que a arte contemporánea teña en Vigo esa fiestra aberta que representa o Marco, situado no corazón da cidade. A arte e a cultura son un activo colectivo como a educación ou a sanidade. Cada vez que desaparece un espazo artístico ou cultural, crece a ameaza á liberdade”, sinalou.

O acto estivo presidido por Manuel Quintana Martelo, presidente da academia, que apelou a “achegar un pouco máis a institución a un equilibrio na igualdade”, após o ingreso de Menchu Lamas e, previamente, de Soledad Penalta. Respondeu as palabras de Lamas Eduardo Manuel Matamoro Irago, coñecido como Din Matamoro.



x