A Academia pecha o ano Fraguas cun simposio dedicado á súa figura

A Academia pecha o ano Fraguas cun simposio dedicado á súa figura
Antonio Fraguas. Foto: cedida.
Antonio Fraguas. Foto: cedida.  
A Real Academia Galega pecha o ano Fraguas cun simposio dedicado ao etnógrafo que protagonizou o último Día das Letras Galegas. Entre o 26 e o 28 de novembro, máis de vinte especialistas afondarán na vida e na obra de Antonio Fraguas (Cotobade, 1905-Compostela, 1999). Contribúen á organización o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego e a fundación a nome do autor.

Un concerto a cargo de Óscar Ibáñez e unha mesa redonda titulada Antonio Fraguas na cultura galega -dirixida polo presidente da RAG Víctor Freixanes e con María Xosé Fernández, Antonio Reigosa e Francisco Díaz-Fierros- abrirán na sede académica da rúa Tabernas, na Coruña, os encontros, que despois se desprazarán a Compostela, en concreto ao Museo do Pobo Galego. Do emblemático centro foi director e presidente ge é, talvez, a obra que sintetiza as preocupacións e labores de Fraguas.

A segunda das xornadas o 27 de novembro dedicarase á xeografía e a arqueoloxía, con dous debates. O primeiro coordínao Clodio González e nel participarán Francisco Durán, Valerià Paül e Camiño Noia. Tratará da xeografía e o seu ensino. Despois o académico Henrique Monteagudo moderará a mesa sobre arqueoloxía, da que farán parte Francisco Calo, Felipe Arias e María Pilar Prieto.

O 28 de novembro será a quenda da etnografía e o folclore. A debruzar a primeira destas disciplinas "antes e despois de Fraguas" contribuirán Manuel Mandianes, Clodio González e António Medeiros, coordinados por María Concepción Losada. A segunda mesa redonda, Etnografía e antropoloxía no contexto galego do século XXI. Situación e perspectivas de futuro, contará con Cristina Sánchez, Xosé Carlos Sierra e Xerardo Pereiro, con moderación de Luzia Oca