Nove académicos promoven Carvalho Calero para o Día das Letras de 2020

Nove académicos promoven Carvalho Calero para o Día das Letras de 2020
O escritor Ricardo Carvalho Calero. Foto: cedida.
O escritor Ricardo Carvalho Calero. Foto: cedida.  

Ricardo Carvalho Calero volverá ser candidato a protagonizar o Día das Letras Galegas. Nove académicos de número da Real Academia Galega rexistraron a proposta esta segunda feira, 20 de maio, día en que abriu o prazo para facelo
 


Segundo puido coñecer Sermos GalizaXosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro, Francisco Fernández Rei, Salvador García-Bodaño, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira, Manuel Rivas e Euloxio Ruibal son os membros do Plenario da institución que promoven a candidatura. O pasado ano, Carvalho Calero -escritor e crítico de primeira orde, nado en Ferrol en 1910 e morto en Compostela en 1990- perdeu a nominación fronte a Antonio Fraguas. Esta é a sexta vez consecutiva en que é proposto.

O Plenario da Academia é o máximo órgano de goberno da mesma. Na súa primeira xuntanza despois do 17 de maio escolle “o persoeiro” ao que se lle dedicará a conmemoración do ano seguinte. Segundo os estatutos da entidade, este debe “ser autor dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. Deben pasar como mínimo dez anos entre a súa morte e a designación.

“As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente”, din as normas. Nesta ocasión foron nove as académicas asinantes.