DISÓLVESE O COLECTIVO BURIL

Adeus a 36 anos de activismo cultural en Burela

Adeus a 36 anos de activismo cultural en Burela
Detalle dun cartaz do Colectivo Cultural Buril realizado polo deseñador Xosé Vizoso.
Detalle dun cartaz do Colectivo Cultural Buril realizado polo deseñador Xosé Vizoso.  

O Colectivo Cultural Buril vén de anunciar a súa disolución. Despois de 36 anos de activismo cultural galego, a asociación de Burela “despídese definitivamente”. Fíxoo cun texto pendurado no seu blog en que repasa resumidamente algúns fitos da súa traxectoria.


CARTAZ BURIL_VIZOSOBuril entregará os seus fondos documentais ao Concello de Burela -que se comprometeu a xestionalos na biblioteca e no arquivo municipais- e os seus fondos económicos a entidades de carácter social como a Asociación Camiña ou a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental.

Buril fundouse en novembro de 1983. Até 2016, “mantivo unha programación continuada”. “O común denominador foi a defensa e a posta en valor do idioma e a cultura galega”, explica na mencionada entrada da súa bitácora, “e o traballo a favor de toda manifestación cultural en calquera dos seus ámbitos”.

O propio colectivo divide a súa historia agora clausurada en tres etapas. A primeira foi da fundación ao 1998. A publicación da revista O Trasno ou as Xornadas de Teatro estiveron entre as principais actividades do período. De 1999 a 2008, a recuperación da historia local e o libro Burela na Memoria son un fito indiscutíbel. Na derradeira etapa xurdiron “novas actividades vinculadas á lingua desde unha perspectiva reintegracionista”.

Con este balanzo ás costas, o Colectivo Cultural Buril inscribiu a súa disolución no Rexistro Central de Asociacións da Xunta o 27 de maio de 2019.

Nota: cartaz do Colectivo Cultural Buril realizado polo deseñador Xosé Vizoso.