XOSÉ LOIS SEIXO, VOCALISTA DE PIRILAMPO

"Vendo a demanda que hai, as administracións deberían implicarse en divulgar a música infantil"

"Vendo a demanda que hai, as administracións deberían implicarse en divulgar a música infantil"
Xosé Lois Seixo
Xosé Lois Seixo  

Xosé Lois Seixo é a alma mater de Pirilampo e o seu vocalista. Conversamos con el cando o grupo, que editou o seu sexto disco, Serpe de Cristal (Galaxia), vén de recibir o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.


A saída do seu sexto disco, Serpe de Cristal (editado na colección Árbore de Galaxia), coincide co Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña. Un recoñecemento á traxectoria encamiñada á socialización da lingua entre as crianzas.

 

Para nós é unha grande alegría, pois non traballamos coa idea de premios. Levamos traballando moito tempo co obxectivo de achegar as pequenas e pequenos, a través da música, á nosa lingua e á nosa cultura dunha maneira afectiva e cariñosa, porque a música é un instrumento magnífico, de grande importancia, para que as nenas e nenos se acheguen á lingua e perdan moitos prexuízos dos que existen na actualidade. Levamos nove anos e seis discos, e numerosísimas actuacións procurándomos estender esa idea de que a lingua galega sexa vehículo fundamental para a expresión de todo o mundo.

 

"Nós preocupámonos polo país, pola lingua e pola cultura. Todas as letras, alén dos ritmos que empreguemos, están asentadas no país"

 

Nesa idea fai fincapé María Pilar García Negro no prólogo do seu último disco. Subliña que Pirilampo asenta o uso da lingua de noso a través da canción, un poderoso instrumento.

 

É evidente que a canción é un instrumento poderosísimo. Iso de chegar a un centro educativo con 150 nenas e nenos que non falan en galego habitualmente e que cantan contigo as cancións é unha marabilla. Ou atopalos na rúa e que che canten. Coñezo unha familia de Madrid que emprega os temas de Pirilampo para achegarse ao galego. Nós preocupámonos polo país, pola lingua e pola cultura. Todas as letras, alén dos ritmos que empreguemos, están asentadas no país.

 

Comezaron con Cancións para Antía. Que tivo a ver a súa neta coa creación de Pirilampo?

 

Como mestre na escola detectaba que tiñamos unha falta de materiais deste tipo para usar nas aulas. Despois da publicación de Os soños na gaiola, de Suso Vaamonde, que se usou moito nas aulas e que daba moito xogo, só había migallas. Chegou Mamá Cabra, mais alén diso non había practicamente nada. Cando nace Antía penso que é unha pena que os grupos musicais que existen na Galiza non elaboren material para os máis pequechos e dáseme por cantarlle cancións. A idea non era publicalas, eran para ela. Foron aparecendo moitísimos temas, dedicadas aos animais, a Galiza, ás partes do corpo… quen mas escoitaba preguntábame por que non as publicaba, por que non facía un proxecto con elas. Falei con Xoán Costa, expliqueille o proxecto e díxome que era moi publicábel. Foi entón cando fixemos o proxecto educativo, coa AS-PG. Unha iniciativa acompañada de unidades didácticas e con moitísimo vocabulario para as aulas. Foi un álbum moi completo en que colaboraron nenas do coro da Orquestra Sinfónica de Galiza.

 

Facía alusión ás temáticas das cancións. Ía preguntarlle o porqué de transmitir os nomes verdadeiros de animais, e tamén da flora. Pirilampo fai unha aposta decidida na reposición duns nomes que, en casos, foron esquecidos, ou deturpados.

 

Eu son mestre, son nacionalista galego e teño un interese fundamental en que a nosa lingua se recupere para un uso normalizado. Trato de achegar sempre cousas que poidan ser utilizadas nos centros educativos co obxectivo, insisto, de asentar o uso da lingua a través da canción. Neste caso repoñemos toda unha serie de nomes de animais na nosa contorna con outro elemento importante: algúns destes animais están en grave perigo. De aí que recupere a abella, o golfiño, o lagarto, o escáncer… É unha reposición desa natureza que temos de arredor e que aparece nos nosos discos de maneira humanizada. Máis que unha homenaxe aos animais, é unha chamada de atención, porque queremos rachar moitos mitos que existen sobre eles.

 

Como o escáncer ou a píntega.

 

Eu cando falo con xente no medio rural dígolle que como matan o escáncer e á vez compran veleno para acabar cos caracois, cando o escáncer come caracois. A píntega está case condenada, mesmo se di que produce enfermidades. Todo isto é froito do descoñecemento e eu sempre digo que non se pode querer o que non se coñece. De aí esta teima por achegar a unha serie de animais case proscritos para humanizalos, para que vexan que temos que querelos e respectalos.

 

Sei que a súa neta Antía, con escasos anos, diferenciaba os cantos dos paxaros. Vostede tivo moito a ver con iso. Nos seus discos tamén insiste en dar a coñecer as aves.

 

Temos traballado en proxectos educativos coa idea de que nos primeiros anos da vida o son é un elemento importantísimo, mesmo no leito materno, é a maneira de poñerse en contacto co mundo. Despois prevalece a vista sobre o son, mais a idea sempre é chamar a atención nos son para que as nenas e os nenos perciban sobre todo as aves. É un instrumento para educar o oído. En “Pío, pío, pío, pon” temos un coro de paxaros, dirixidos por un reiseñor, e incorporamos o canto de 13 aves. É para que os nenos os escoiten e para que alguén se preocupe de lles ensinar as imaxes desas aves e que poidan velas.

 

Fai o mesmo coas plantas.

 

Aprendinlle a Antía moito sobre as plantas. Expliqueille como distinguilas, a súa reprodución e mesmo as enfermidades. Hai unha anécdota. Unha vez estaba Antía mirando unha plantiña que estaba afectada por un fungo e unha señora coñecida nosa preguntoulle: “Que ves, a caca dos paxaros sobre a planta?”. A nena, que daquela tiña tres anos, respondeulle que non era caca, que o que tiña a planta era Oidio (un fungo). Os nenos son como esponxas.


"Galiza neste sentido é unha privilexiada porque no resto do Estado apenas existen proxectos musicais deste tipo. O que hai por alí son cancións simplonas musicalmente"

 

Máis alá do valor pedagóxico das letras de Pirilampo destaca a calidade musical do grupo. Como consegue que colaboren músicas e músicos profesionais?

 

En Cancións para Antía, contamos con músicos do conservatorio e despois busquei persoas que tocasen, músicas e músicos profesionais que eu coñecía. Fuximos de facer a típica canción simple pensando nos nenos. Galiza neste sentido é unha privilexiada porque no resto do Estado apenas existen proxectos musicais deste tipo. O que hai por alí son cancións simplonas musicalmente. Nós somos un grupo de profesionais da música. Aos nenos gústalles coñecer a música e eu acredito en que hai que educalos coa música boa. Sempre tratei os nenos de forma natural.

 

Xurxo Souto referiuse a Pirilampo como “un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”.

 

Foi no prólogo do disco que lle dedicamos a Manuel María e eu convideino a participar de Serpe de Cristal. Fixo un tema precioso, sobre os mariñeiros, e cantou coas súas fillas na presentación do disco. Foi unha actuación preciosa. Nesa primeira presentación evidenciouse o enorme interese que hai na música infantil en galego. As nosas actuacións énchense. A presentación da que che falo foi no Ágora da Coruña. A billeteira abriuse ás 10 horas e ás 14 horas non quedaba ningunha. Na Galiza, como che dixen, somos agora uns privilexiados porque existen moitos grupos que fan música para cativas e cativos e moita desa música é de calidade. Só falla unha cousa: o papel das administracións públicas. Tiñan que impulsar un proxecto semellante ao de Cantajuegos, mais en galego; coller o material elaborado, facer unha selección e despois gravalo con nenas e nenos.

 

En Ollos de mel gravamos en centros educativos. Cando chamei os centros, chegou a haber máis candidatos que cancións e isto é baratísimo! Xuntas o son e a imaxe e os rapaces desfrutan moitísimo máis. Esta sería unha iniciativa magnífica das administracións, e sen un grande esforzo económico. Vendo a enorme demanda que hai, as administracións deberían implicarse máis en achegar a música infantil, que pode ir acompañada de imaxe, ao público.

 



x