ASEMBLEA XERAL

A AELG acorda a creación dun Parlamento de Escritoras e Escritores

A AELG acorda a creación dun Parlamento de Escritoras e Escritores
[Imaxe: Eduardo Castro] Cesáreo Sánchez, nunha imaxe de arquivo
[Imaxe: Eduardo Castro] Cesáreo Sánchez, nunha imaxe de arquivo  

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) congregou na mañá do sábado as súas socias e socios na Asemblea Xeral, en que aprobou recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria Luz Fandiño e Manuel Pazos, así como ratificar Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal e Xosé Ignacio Taibo como Escritor na súa Terra Letra-E. Entre as novidades, a AELG acordou celebrar un Parlamento de Escritoras e Escritores no outono.


O Museo do Pobo Galego acolleu na mañá do sábado a Asemblea Xeral da AELG, en que se acordou a creación do proxecto Parlamento de Escritoras e Escritores, que se celebrará en outono na cidade de Pontevedra. A iniciativa parte da idea de que a escritora ou o escritor, alén de atender a súa actividade creativa, “ten que analizar e ser altofalante da situación actual de falta de garantías democráticas no exercicio dos dereitos civís”.

 

Neste contexto, a AELG xulga necesario “convocar as escritoras e os escritores para falar da situación dos medios de comunicación e o poder, da violencia estrutural, da violencia contra das mulleres, da destrución do noso patrimonio cultural e o noso medio natural, ademais de analizar o efecto das dinámicas lexislativas regresivas no Estado Español, que comportan novas e diversas formas de censura”.

 

Cesáreo Sánchez: “Ante este novo tempo de diversas formas de censura, as escritoras e escritores teñen que dar un paso á fronte

 

En declaracións a Sermos Galiza, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, pon de manifesto que a entidade “constatou que é necesario tomar consciencia e conciencia de que o escritor ten que participar en defender a cultura e en ser parte moi activa da defensa da cultura no sentido máis amplo do noso patrimonio natural e cultural”. “Ten que pronunciarse nun momento en que autores de letras de cancións e mesmo actores e diversos creadores están a ser imputados para ser xulgados, atacando a liberdade de expresión”, engadiu, “ante este novo tempo de diversas formas de censura teñen que dar un paso á fronte”.

 

Un lugar para facer fronte ao ataque aos dereitos civís e nacionais

 

Cesáreo Sánchez explica que o Parlamento xorde da necesidade de “crear un lugar onde poder defender e denunciar ataques aos dereitos civís e nacionais”. “Pensamos que hai momentos na historia en que hai moitas cousas en perigo e que o escritor ten que ser unha das partes máis activas da sociedade, non só coa súa obra, senón como portavoz das necesidades públicas e sociais”.

 

A Presidencia da AELG, encabezada polo propio Cesáreo Sánchez, tamén expuxo á Asemblea a necesidade de defender o libro en galego coa creación dunha ampla plataforma así como a instar o Goberno galego a que cumpra as súas responsabilidades estatutarias, entre as que está o desenvolvemento efectivo da lei do libro e da lectura.

 

Cesáreo Sánchez: "A través da nosa axenda cultural, detectamos que nos últimos dous anos houbo un decenso dun 10% da actividade”

 

A este respeito, Cesáreo Sánchez, afirma en declaracións a este medio que “se non hai libros, non se pode concretar a escrita” e emprega unha metáfora coa xente do mar e as cotas pesqueiras, “os mariñeiros e armadores reivindican cotas no Gran Sol, se non, non hai barcos”. Salienta, ademais, que “sen libros, non hai país” e sinala que a AELG ten constatado un empobrecemento no ámbito cultural, “a través da nosa axenda cultural, detectamos que nos últimos dous anos houbo un decenso dun 10% da actividade”. Estas, di, “son alertas que indican que hai menos actividade social porque hai menos libros  e menos fondos de apoio á cultura”.

 

Recoñecementos

 

Ademais, a Asemblea Xeral da AELG acordou recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 Luz Fandiño e Manuel Pazos, a proposta da Comisión de Literatura e Tradición Oral da AELG, previa deliberación do grupo de traballo formado por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa. A AELG entregará estas distincións na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo no outono.

 

A entidade tamén ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, “desde o profundo respeito e afecto á súa persoa e á valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans”. O galardón entregaráselle o 19 de maio de 2018 na III Gala do Libro Galego, que decorrerá no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

 

A escritora de Alacant súmase, deste xeito, aos nomes de Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia, que anteriormente recolleron o premio da man da AELG.

 

A Asemblea Xeral aprobou nomear Xoán-Ignacio Taibo “Escritor na súa Terra-Letra E”. A homenaxe, que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición, terá lugar en xuño no Concello de Oleiros.

 

Cesáreo Sánchez: "Somos unha cultura cunha potencia creadora contrastada e só necesitamos instrumentos de desenvolvemento dese potencial creador que existe na cultura"

 

A este respeito, Cesáreo Sánchez salienta que “celebramos poder agasallar co recoñecemento esas persoas que nomeamos”. “Somos unha cultura cunha potencia creadora contrastada e só necesitamos apoio, infraestruturas, e instrumentos de desenvolvemento da nosa cultura, dese potencial creador que existe na cultura”, agrega. Como mostra, alude ás novas creadoras, “toda unha eclosión de creatividade.

 

Actividades

 

Entre outras cuestións, a AELG acordou incorporar Lois Pérez ao Consello Directivo e aprobou o programa de actividades para o ano, enceta coa inminente celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro. Entre os actos que formarán parte da programación da AELG para 2018 destacan os paseos literarios e os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, así como as xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea, as polafías e a Xornada de Literatura de Tradición Oral.

 

A visibilidade da escritora e do escritor a través da web volverá ser un eixo central da actuación da AELG co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada socia e socio conta no Centro de Documentación da web.



x