15 E 16 DE MARZO EN PONTEVEDRA

A AELG convoca un parlamento de escritoras polos dereitos civís

A AELG convoca un parlamento de escritoras polos dereitos civís
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG. Foto: AELG
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG. Foto: AELG  

De “momento de especial gravidade” cualifica a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) a situación actual en Galiza e no Estado español. Refírese á “vulneración de dereitos culturais, sociais e políticos”. Para reflexionar sobre a mesma convoca o Parlamento de Escritoras os vindeiros 15 e 16 de marzo en Pontevedra.
 


A “vinculación entre escrita literaria e defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión” será o outro eixe dun encontro en que participarán autoras e autores galegas, vascas, catalás e portuguesas. “A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento”, explica nun comunicado a asociación presidida polo poeta Cesáreo Sánchez Iglesias.

2019_Parlamento_de_escritoras_es_2019

O Pazo Mugartegui acollerá as primeiras actividades das xornadas a sexta feira 15 de marzo ás catro e media da tarde. Liberdades civís e dereitos nacionais titularase a mesa redonda de apertura e nela falarán a ensaísta galega Carme Adán, a narradora vasca Laura Mintegi e novelista catalá Clàudia Pujol. Modera Sánchez Iglesias.

Dúas horas máis tarde, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, ordenará o debate Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade, co director da Institució de les Lletres Catalanes Joan Elies Adell Pitarch, a poeta portuguesa Ana Luísa Amaral e o escritor galego Suso de Toro.

O sábado 16 de marzo, no Pazo de Congresos, haberá catro grupos de traballo activos simultaneamente. Sobre feminismos e identidades discutirán as autoras galegas Marta Dacosta, María Reimóndez, Daniel Asorey e Antía Yáñez. Sobre as migracións, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra.

Antonio Reigosa encargarase de coordinar os relatorios de Pilar García Negro, Diana Varela e David Otero sobre lingua e patrimonio cultural. Finalmente, Rosalía Fernández Rial moderará a Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní arredor da “cultura, medios de comunicación e poderes”.

O Teatro Principal será escenario da “lectura e debate” das achegas dos grupos de traballo e mais un “acto literario e musical” de clausura. Presentado por Aldaolado, nel estarán Manuel Rivas, Antía Otero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Eli Ríos, Xavier Seoane e Rafa Vilar.

O Parlamento de Escritoras e Escritores. Identidades e dereitos civís desde a escrita conta co apoio do Concello de Pontevedra e mais do Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro).