A AELG pide á Xunta que reconsidere a súa retirada das feiras internacionais do libro

A AELG pide á Xunta que reconsidere a súa retirada das feiras internacionais do libro
Acto da Asociación de Escritores en Lingua Galega en Pontevedra.
Acto da Asociación de Escritores en Lingua Galega en Pontevedra.  

A decisión unilateral da Xunta de suspender a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro ás que viña asistindo está a suscitar as protestas dos sectores implicados. A voz da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) únese á dos editores e pide ao Goberno que “reconsidere a súa decisión”.


“Decisións tan importantes, en que están en xogo a imaxe exterior da cultura de todo un pobo teñen que ser acordadas cos sectores que intervimos no proceso”, sinala Césareo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, que lembra que a vixente lei do libro, a 17/2006, considéraos “estratéxicos” cultural e economicamente.

A Xunta emitiu o pasado 29 de decembro unha resolución en que comunicaba a extinción do proceso de licitación de catro dos cinco “lotes” para organizar os “servizos de organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría de Cultura” nas feiras do libro de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Gudalajara (México). Só manteñen a de Bos Aires.

O Goberno acusa o “mundo editorial”, concretamente á Asociación Galega de Editores (AGE), de “crecente desinterese” por estas citas. A propia AGE desmentiuno con contundencia. De feito, nunha carta remitida o 19 de decembro -10 días antes da resolución- solicitaban da Administración “vías de colaboración” para facer concordar “os intereses institucionais e os profesionais”.

10 días antes da resolución, a AGE solicitaba da Administración “vías de colaboración” para facer concordar “os intereses institucionais e os profesionais”

 

“Só se pon en pé unha cultura coa suma de esforzos”, concorda Césareo Sánchez Iglesias, “a actitude da Xunta emite a mensaxe de 'ou se fai como eu digo ou non se fai”. Os editores, 90% dos cales se agrupan na AGE, reclamaban diálogo e a supresión dos “agravios comparativos” aos que os sometía o sistema da Xunta para as feiras internacionais. “Micro empresas do sector, que ás veces nin sequeran publican en galego, ocupan no stand da Xunta o mesmo espazo que calquera das que máis publican no país”, denunciaban.

Silencio do Goberno galego na Mesa do Libro

“A Asociación de Escritores en Lingua Galega ninguén lle preguntou antes de tomar unha decisión tan grave como esta”, engade Sánchez Iglesas, “nós demos a nosa opinión sobre as feiras internacionais nunha recentemente convocada Mesa do Libro e non se falou para nada desta posibilidade. Ninguén imaxinaba que isto podía pasar. E produce perplexidade”.

A mencionada Mesa do Libro, convocada pola Xunta e celebrada o pasado 15 de decembro, reúne Goberno, editoras, autoras, distribuidoras ou librarías, e é un órgano desenvolvido a partir da vixente lei.

Cesáreo Sánchez: “Só se pon en pé unha cultura coa suma de esforzos. A actitude da Xunta emite a mensaxe de 'ou se fai como eu digo ou non se fai”

 

Para Cesáreo Sánchez Iglesias, as delegacións que asisten ás feiras internacionais do libro teñen que ser “máis representativas. Son lugares determinantes para a visibilidade dun país no mundo ser coñecido nestes grandes escaparates, polos que pasan millóns de persoas. Todo isto determina mesmo a viabilidade económica da industria editorial, polos contactos que alí nacen”.

A resolución da Xunta do 29 de decembro -é dicir, dúas semanas despois da Mesa do Libro en que non mencionou as intencións de cancelar a súa presenza en catro dos cinco encontros internacionais do libro en que viña participando- remata trasladando as responsabilidades sobre “internacionalización do sector editorial galego” nas feiras ao Igape e ás cámaras de comercio. A Consellaría de Cultura bórrase do medio.

“As cámaras de comercio teñen que apoiar á industria editorial, faltaría máis”, conclúe o presidente da AELG, “mais quen toma as decisións de política cultural é a administración cultural que fai parte do Goberno da Xunta”.