A AELG recibe o alumnado da Universidade do Ceará cunha ofrenda a Rosalía de Castro

A AELG recibe o alumnado da Universidade do Ceará cunha ofrenda a Rosalía de Castro
Participantes na ofrenda floral a Rosalía de Castro o pasado 17 de outubro. Foto: AELG.
Participantes na ofrenda floral a Rosalía de Castro o pasado 17 de outubro. Foto: AELG.  
Unha ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres de Compostela foi a recepción preparada pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) a unha delegación do alumnado da brasileira Universidade Estadual do Ceará.

“Esta ofrenda floral á nosa poeta nacional é o máis relevante acto institucional que unha cultura pode ofrecer a outra cultura irmá”, explica nun comunicado a AELG. O acto decorreu o pasado 17 de outubro.

O estudantes do Ceará participaron nun curso sobre xestión de destinos culturais organizado polo Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela. A escolla de Galiza debeuse á proximidade lingüística entre galego e portugués”, indicou o director do curso, Jakson Renner Rodrigues Soares.

A Universidade Estadual do Ceará ten a súa sede central en Fortaliza. Nela cursan estudos máis de 24.000 persoas. O pasado maio acolleu a Semana das Letras Galegas e nela participaron o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias e mais a cantora Uxía.