Afonso Eiré presenta" Infiltrados", xornalismo literario que recrea a historia do nacionalismo

Afonso Eiré presenta" Infiltrados", xornalismo literario que recrea a historia do nacionalismo
Afonso Eiré
Afonso Eiré  

Viviu en primeira fila todos os acontecementos do nacionalismo contemporáneo. Escribiu arredor deles en páxinas de xornal, nomeadamente en A Nosa Terra que dirixiu. Agora constrúe unha novela de investigación na que, con nomes propios, abre en canal a historia do nacionalismo para denunciar o nome dos "infiltrados”. Afonso Eiré presenta hoxe mércores día 29 ás 20.30 a novela Infiltrados (Biblos) na libraría Portas Ártabras da Coruña. 


Con Infiltrados (Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo),Afonso Eiré adéntrase na historia da UPG e o nacionalismo galego para construír unha novela de espías que son, a súa vez, espiados. Un histórico militante investiga arredor dos servizos secretos españois  infiltrados nos distintos conflitos que se deron no nacionalismo e que estiveron no cerne de máis de unha ruptura. A nova novela de Afonso Eiré preséntase hoxe mércores día 29 na libraría Portas Ártabras da Coruña ás 20.30. Canda o autor estarán o editor Tucho Calvo e a concelleira Mº Xosé Bravo. 

Non deixará indiferente a ninguén,uns cantos incomodaranse e a maioría devorarán o libro. A novela relata as trama e descobre os “infiltrados”, aqueles militantes que tiñan un outro obxectivo que o marcado polas organizacións e que foron chaves nos distintos conflitos do nacionalismo contemporáneo. O protagonista adéntrase nos distintos acontecementos busca e levanta documentos e dá explicacións sobre uns episodios que tiñan unha orixe moi distinta da que maiormente se pensaba. 

A nova obra do xornalista e escritor Afonso Eiré é unha novela de intriga mais tamén unha historia do nacionalismo recente, cos nomes propios de quen protagonizou os distintos momentos, cos debates e as distintas posicións, coas escisións e as novas xuntanzas, unha historia que ten moitos dos protagonistas vivos e algúns mesmos na vida pública. 

Que detrás de Xosé Torga está Afonso Eiré é fácil deducilo con só manexar uns cantos datos do autor da novela. Xornalista de longa traxectoria, experimentado na investigación, nacionalista militante desde novo, Afonso Eiré estivo na primeira fila de todo o que narra, coñeceu aos seus protagonistas e relata agora, cun ton que bebe directamente do xornalismo feito novela, o que viu e viviu. 

Con Infiltrados. Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo, Afonso Eiré continúa no rexistro no que produciu tantas páxinas en papel xornal e, máis recentemente, en libro, achegando o oficio do xornalismo á literatura coma ninguén no noso ámbito literario. O xornalismo, que exerceu desde a mocidade, enchoupa de maneira clara a súa creación literaria, con vocación clara , agora de investigación, agora de denuncia.  

Entre as súas obras destaca a novela  Amigos sempre que narra a vida no seminario e tamén Eu tamén fun coas vacas ou O fútbol na sociedade galega, libros que beben da longa traxectoria xornalística de Eiré, que dirixiu desde 1983 o xornal A Nosa Terra

Non ficción con nomes propios

“Infiltrados é a historia de como os servizos secretos condicionaron o nacionalismo galego e, concretamente, como foron quen de propiciar a súa ruptura en máis dunha ocasión” explica Afonso Eiré a respecto da súa novela nunha entrevista que publica a propia revista da editorial Biblos. O tema central da súa nova obra toma, ao seu ver, grande actualidade non só pola excisión recente do nacionalismo senón por se ter descuberto o papel do CNI para dividir o nacionalismo catalán. 

Eiré sinala que optou pola novela de non ficción porque o seu obxectivo era “deixar moi claro que a infiltración, o papel dos servizos secretos nas rupturas do nacionalismo non é ficción, senón unha realidade, moi actual, por outra parte. Está no seu ADN”. Os que cita, asegura que son infiltrados aínda que pode ser que, ao seu ver, haxa algún que non estea na novela. “Tento aportarlle aos lectores o material necesario para que, cun papel activo, coñezan como operan e, deste xeito, poidan saber os procesos e funcionamentos” di, desta novela singular na historia literaria galega. 

Fóra de que o protagonista, Xosé Torga, nunca existiu con ese nome, todo o que hai na novela é, ao dicir do seu autor, rigorosamente certo, resultado das súas investigacións e con testemuñas e documentos que o acreditan. “É un traballo de investigación xornalística rigoroso. Hai feitos que a xente non quere crer, pero son evidentes. Os servizos secretos están para o que están e os espías non semellan para nada o axente 007.Por outra banda, existe unha lenda negra sobre a UPG que ten moi pouco que ver coa realidade, moitas veces traspasada aos libros de historia que presumen de seriedade” defende Eiré, dun libro que, sen dúbida, non deixará indiferente a ninguén. 

Máis información

Mais a novela de intrigas con nomes propios ten os seus riscos. Eiré o sabe e garda na recámara información de máis polo que puidera pasar. “Na profesión aprendes que, cando tes algo gordo, non debes tirar todas as balas, que hai que quedar, polo menos, co 25% por se che fan falta. Por suposto que teño moita máis información que a que aparece no libro e, tamén, que me reservei, por motivos obvios, as principais fontes.Como todo o que poño é verdade, contrastado, e como sei que aqueles que aparecen lles iría moito peor se queren aventoar as súas actuacións, estou totalmente tranquilo” afirma ao tempo que valora a “valentía” de Biblios á hora de publicar un libro que, segundo di “non é para facer amigos”.