Agustín Fernández Paz, Guadi Galego e Xaquín Marín, Premios da Crítica Galiza 2015

Agustín Fernández Paz, Guadi Galego e Xaquín Marín, Premios da Crítica Galiza 2015
Guadi Galego
Guadi Galego  

Agustín Fernández Paz, Xosé Ramón Pena, Guadi Galego, Cineuropa, Xaquín Marín, A Panadaría e Miguel Vila, gañadores dos Premios da Crítica Galiza 2015.


O ditame da 38ª edición dos Premios da Crítica Galiza, nas modalidades de  Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica, deuse a coñecer este sábado no Hotel Os Escudos de Vigo ante 350 persoas.

A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria

O xurado de Creación Literaria, formado por Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico; Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz (Xerais), Zapatillas rotas de Xabier Quiroga (Xerais) e Penúltimas tendencias de Carlos Negro (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Agustín Fernández paz A viaxe de Gagarin editada por Xerais.

O xurado salientou que “A viaxe de Gagarin é unha novela que vén culminar un ciclo narrativo, na que o autor realiza unha emotiva viaxe desde o presente cara a unha parte da nosa historia recente tantas veces silenciada”.

Historia da Literatura Galega II. Rexurdimento de Xosé Ramón Pena, Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV; Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e Afonso Vázquez Monxardín, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ao científico e investigador Miguel Anxo Murado García e ás obras Conciencia política e literatura galega en Madrid de Ana Acuña (Xerais); Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento de Xosé Ramón Pena (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por  maioría o premio a Historia da Literatura Galega II de Xosé Ramón Pena (Xerais).

O xurado destacou que a obra gañadora constitúe un libro de referencia imprescindíbel. “Fai unha excelente e documentadísima revisión crítica das cuestións máis controvertidas do Rexurdimento galego”, apuntou.

Cineuropa, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Mercedes Rosón, Subdirectora da área de Cultura da USC; Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputacion de Lugo; Francisco Porto, xestor cultural, director de Latamuda; Belén Fortes, xestora cultural; Xabier Límia, activista cultural; Ana Isabel Vázquez, activista cultural e Antón Sobral que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cineuropa, Programa Conciencia e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Tras as derradeiras deliberacións acordou por unanimidade outorgar o premio a Cineuropa.

O xurado salientou que outrogou o premio a Cineuropa “pola calidade, o compromiso e a excelencia deste festival que permite a visión das mellores películas de ámbito europeo, que nos facilita o coñecemento doutras culturas e tamén polo decidido apoio ao cine galego”.

Guadi Galego, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado por Anxo Pintos, músico, membro de Berrogüetto, gañador da edición anterior; Belén Bermejo, empresaria musical Sirgo torcendo; Antonio Borrazás, director de programación sala Capitol; Marían Fernández Álvarez, xestora cultura, O Cable Inglés; Bieito Romero, músico, membro de Luar na lubre e Tito Lesende, xornalista musical e responsable de comunicación de SGAE.  e Marcos Lorenzo Gallego, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Guadi Galego, Festival de Pardiñas e a Central Folque. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Guadi Galego.

O xurado salientou de Guadi Galego “a súa traxectoria coherente, impecábel e ancorada na terra, así como o feito de ter acadado un estilo persoal e á marxe de etiquetas”.

Xaquín Marín,  Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Antón Pulido, pintor, gañador da edición anterior; David Pintor, ilustrador; Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Paula Gómez del Valle, fotógrafa; Paula Mariño Pazo, comisaria de exposicións e profesora; Emilia Guimeráns, escultora e ceramista, e Charo Portela, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xaquín Marín, Liqen e David Rubín. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Xaquín Marín.

O xurado salientou do Xaquín Marín “unha traxectoria que reúne tradición e actualidade, feita sempre dende unha visión moi persoal”.

“Pan, pan” de A Panadaría Teatro, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Luis Patiño, director de cine, gañador da edición anterior; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Manuel Xestoso, crítico; Ángel Suanzes, xornalista de cine TVG; Montse Dopico, xornalista cultural; Tamara Canosa, actriz. e Camilo Franco, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Pan, pan de A Panadaría Teatro, Perplexo de Il Maquinario Teatro e a Alfonso Zarauza pola dirección de Os Fenómenos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a “Pan, pan” de A Panadaría Teatro.

O xurado salientou de Pan, pan “a decisión de facer un teatro que responde as dificultades dos tempos e a romper os prexuízos asociados ao humor feito por mulleres”.

Miguel Vila Pernas, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, formado por Maite González do Grupo Cuevas, gañador da edición anterior; Delfina Cendón, hosteleira; Xavier R. Baixeras, escritor; Beatriz Sotelo, cociñeira d’ A Estación de Cambre; Luis Paadín, sumiller; Lidia Folgar, nutricionista e por Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Miguel Vila Pernas, Restaurante Verruga e Secreto Galaico Castañam. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Miguel Vila Pernas.

O xurado salientou de Miguel Vila “a traxectoria de recuperación e posta en valor da culinaria galega tanto considerada dende o punto de vista tradicional como de novas propostas”.