Agustín Fernández Paz, nominado ao Astrid Lindgren


Agustín Fernández Paz, nominado ao Astrid Lindgren

Agustín Fernández Paz atópase entre as 207 persoas candidatas ao premio Astrid Lindgren do 2013. A nominación do escritor faise pública unha semana antes de que o próximo 18 de outubro sexa nomeado en Vigo Socio de Honra de Gálix 2012.

 

O premio Astrid Lindgren leva o nome da creadora de Pippi Meiaslongas, un dos personaxes máis rebeldes e coñecidos da literatura infantil e está outorgado polo goberno de Suecia. Concédese cada ano a un autor ou autora de literatura infantil e xuvenil ou a alguén do mundo da ilustración, a edición ou a animación á lectura.

A nominación coñécese xusto unha semana antes de que o próximo día 18 de outubro, Fernández Paz sexa nomeado Socio de Honra de Gálix 2012, nun acto no que a que foi compañeira súa no ensino Paz Raña Lama será encargada de ler a laudatio. Escolares de Vigo participarán nesta nova homenaxe ao escritor que está a piques de publicar O rastro que deixamos, unha obra que terá singularidade na súa sólida traxectoria literaria ao se trataren de textos de carácter autobiográfico.