SÁBADO 20 DE XULLO

'Alba de Groria' no Pico Sacro

'Alba de Groria' no Pico Sacro
Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro en 2016. Foto: cedida.
Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro en 2016. Foto: cedida.  

En 1924 subiu e, 24 anos despois, unha ditadura, unha república, un Estatuto, unha Guerra Civil e un exilio polo medio, regresou a el simbolicamente cando escribía Alba de Goria en Bos Aires. Era o Pico Sacro (Boqueixón). O vindeiro 20 de xullo varias asociacións culturais convocan unha lectura do célebre discurso de Castelao no alto do monte.


As asociacións culturais O Galo de Compostela e Vagalumes da Estrada e mais a Federación Galiza Cultura trazaron un programa para a xornada, que entenden como previa ao Día da Patria Galega, que comezará ás doce da mañá “onde estaba a fonte do Pico Sacro”. Alí, membros da asociación de veciños Agra do Orzán da Coruña recitarán poemas. Vinte minutos despois, a poeta Marta Dacosta dará a benvida aos actos.

Unha camiñada levará os asistentes ao alto do Pico Sacro, onde arredor da unha do mediodía se izará a bandeira galega e socios do Galo, de Vagalumes e mais da Alexandre Bóveda da Coruña lerán o Alba de Groria. Na baixada, a poeta Iolanda Aldrei guiará unha visita polas covas da raíña Lupa.

Para asistir ao xantar en San Miguel de Castro cómpre anotarse antes do 16 de xullo en comunicació[email protected]. Na sobremesa tocará o grupo Maraxe e ás cinco, de novo baixo a guía de Iolanda Aldrei, haberá visita ao mosteiro de Camanzo e o poboado mineiro de Fontao.