Alberte Momán, “A miña obra é unha crónica literaria do noso tempo”

Alberte Momán, “A miña obra é unha crónica literaria do noso tempo”
Alberte Momán
Alberte Momán  

Con A baba, a incontinencia e o can de Paulov de Alberte Momán a colección de libros editados en epub por Sermos Galiza ofrece o seu primeiro título de narrativa. A súa nova achega narrativa xa está disponíbel neste enlace que remite a nosa loxa. 


Dez anos despois da publicación de O lobo da xente (Edicións Positivas) ,que lle valera o Premio Narrativas Quentes, Momán ten xa dez títulos na súa conta de libros e unha editorial que promove pola súa paixón literaria.

-Por que sendo responsábel dunha editorial publica este novo libro con Sermos Galiza en formato epub?

Tiña posibilidade de publicalo con O Figurante mais non son partidario de montar un selo para editar os meus libros. A creación da editorial tiña como obxectivo dar oportunidade a outras persoas que teñen dificultades de visibilización nun momento de grandes recortes no eido da cultura. O selo ten, entre outras funcións, o de darlle valor engadido a unha obra e se eu me publicase a min mesmo non estaría a pasar ningún filtro previo. En literatura, compre ter rigor, se a min me publica outra editorial significa que alguén o aceptou, que pasou ese filtro necesario. 

-O Figurante, o seu selo editorial, responde á súa aposta persoal pola literatura?

A miña experiencia previa en A Porta Verde do Sétimo Andar levoume a dar o paso. Desde a colectividade decidimos apostar pola literatura galega e ese foi o inicio, os pasos previos. Eu viña doutro mundo distinto e foi ese proxecto o que me impulsou a coñecer o mundo editorial e, a partir de aí, crear unha iniciativa tamén para promover proxectos persoais que tiña ganas de desenvolver. Quería, de maneira inicial, publicar a obra da poeta francesa Anne-Marie Cazalis e ter unha experiencia previa axudoume a crear o selo co fin de  e editar a obra desta autora. Vendo que tiña acollida continuei publicando outras cousas. 

"En literatura, compre ter rigor, se a min me publica outra editorial significa que alguén o aceptou, que pasou ese filtro necesario". 

-O que me está a contar parece mesmamente un relato. Quere dicir que creou un selo para publicar os poemas dunha autora francesa?

Cando coñecín Anne-Marie Cazalis vivía en Perugia cun Erasmus. Era un tempo na que eu estaba especialmente receptivo. Tiña ganas de aprender e curiosidade por todo. O meu interese por esta autora partiu dun poema e quixen seguir afondando na súa figura. Ao coñecer aquel poema quedei tan impresionado que decidín seguir afondando para atopar máis obra súa. Por momentos, Anne-Marie Cazalis parecía a autora dun só poema! Finalmente descubrín que escribira dez poemas a través dun libro que atopei en Francia. Decidín publicalos en galego e así naceu O Figurante. 

-Este episodio que relata describe unha certa maneira apaixonada de se atopar coa literatura. 

Cando dou con algo que me entusiasma tiro para adiante e neste caso aconteceu. Comecei moi tarde a ler, na miña casa non había hábito nin libros, mais agora non concibiría a miña vida fóra da literatura. Foi coñecela e apaixonarme de tal maneira que até que fun dando pasos como lector, como escritor ou como editor non parei. De feito, houbo autores e lecturas compulsivas, de non poder parar de ler, de vivir absolutamente as novelas ou a poesía. 

-Iso tamén se transmite na súa traxectoria, intensa, cunha morea de títulos e premios. A súa maneira de escribir é tamén compulsiva?

Escribo rápido tamén pola miña forma de ser e polo propio proxecto literario. Falo de cousas próximas, que teño moi claras porque as teño vivido e sobre as que reflexionei durante moito tempo. A escrita chega cando xa todo está na cabeza, é o último paso dun proceso e por iso é rápido porque falo de temas que teño cercanos. Non podería escribir do que non ten a ver comigo e co meu entorno inmediato. A escrita prodúcese de maneira intensa. 

-Despois dese proceso previo, prolongado, de reflexión, como nace un libro de narrativa, poesía ou ensaio?

Vexo a literatura como un eido de experimentación, no que estou probando constantemente. Todos os libros teñen parte biográfica e parte de creación mais toda a miña obra camiña por un campos comúns, con distintos protagonistas e diversas perspectivas, pero en relación. Ao meu ver, un ensaio forma parte da literatura e, por outra parte, eu collo elementos da poesía para aplicar á narrativa. En moitos momentos, os parágrafos da narrativa son prosa poética, con imaxes moi cinematográficas  e intensas, por veces mesmo en  exceso concentradas, como me teñen dito. Concibo a literatura como ese campo de experimentación, cando a pulsión me xorde. Teño tamén moitos textos que se que non vou publicar nunca porque son resultado dunha pulsión errada e tampouco son partidario de revisalas. Son resultado dese momento tan intenso e así quedan. 

 "A escrita chega cando xa todo está na cabeza, é o último paso dun proceso e por iso é rápido"

-Pode identificar eses “campos comúns” da súa obra?

Un, principal, é a súa condición abertamente política, desde unha perspectiva de esquerdas e moi significada co contexto deste país. Tento mostrar sempre dentro dese campo da política o meu ideario e as contradicións que se dan na sociedade actual. A ideoloxía pasou de ser algo fundamental nos partidos a ser un lastre do que se hai que desfacer. Quen se denomina marxista leninista ten xa un problema. Mostrar as propias contradicións que se están a dar é unha teima na miña obra. Tamén abordo a influencia disto nas relación sociais, desde o punto de vista da parella ou dos individuos co entorno. Aparecen sempre vistas desde a perspectiva ideolóxica. Tamén identificaría o tema erótico, romper co silencio e non só co sexo, que hoxe está asimilado, senón desfacerse dos clixés machistas e de moral perversa que a igrexa católica botou sobre nós. Loitar contra esa moral e contra nós mesmos é outra das teimas que aparece desde o meu primeiro libro O lobo da xente. 

-A baba, a incontinencia e o can de Paulov é o libro que publica en versión dixital en Sermos. Como editor, e xa que non sae en formato papel, pode darme unha proposta para o que sería a contracapa de presentación? 

Son títulos que gardan relación cos relatos que levan ese nome mais, ao meu ver, repetiría o que dixo Boris Vian cando lle preguntaron polo significado do outono e Pekín na súa novela “O outono en Pekín”. A trama non estaba en Pekín nin se producía no outono. Eu xoguei con iso. “A baba” -un dos relatos- é o fluído que cae e non pode conter en persoas con problemas de trastorno mental. A pretensión real do sistema é manternos desta maneira, esnaquizar o noso cerebro a tal punto de ternos coa baba pingando. “A incontinencia” é o punto de vista das persoas que son rebeldes sen causa, como a magnífica película. Trátase de perder a continencia, esa capacidade de ter vergoña dun mesmo, e así podes facer cousas que poden ser chamativas, politicamente non correctas mais sen un fin definido, como a sociedade actual. Fanse sen razón, sáense da norma sen ningún tipo de fundamento. Con “o can de Paulov” refírome a esa maneira de adestramento para controlar os estímulos. Así somos nós, formamos parte dun grande experimento, como o de Paulov. Aínda hai pouco dicíase que as políticas que estaban a desenvolver contra a crise eran experimentos para ver como a cidadanía aguantaba.

"Sería inocente pensar que obras deste tipo, como as novelas existencialistas, non están absolutamente vixentes".

-Vostede sinala como referente literario a Boris Vian mais o  universo que recrea evoca en certa medida o das novelas existencialistas. 

Que Boris Vian sexa un referente non quere dicir que o sexa tamén político. Era coetáneo de Sartre e de Camus que viviron, coma nós, nun momento de cambios profundos que van marcar o porvir.  Estamos a vivir un punto de inflexión entre as xeracións que viviron o estado do benestar e as que nazan cando xa non exista. O choque vai ser terríbel. Cando a privatización dos servizos públicos sexa absoluta, as persoas van estar cinguidas ao seu barrio. Sería inocente pensar que obras deste tipo, como as novelas existencialistas, non están absolutamente vixentes. Marcan unha transición, daquela, coa ocupación nazi, aínda non se sabía ben cara onde ía Europa. Concretamente en Camus, agroma a situación de Alxeria revolvéndose contra o colonialismo. Agora vivimos tamén un punto de inflexión, partindo dunha sociedade pechada e en proceso de cambio, coa mesma sensación que se vivía naquel momento. 

-En certa medida, a súa obra é crónica literaria do noso tempo?

Ese papel é imprescindíbel. Non acredito na novela histórica para a miña obra porque non me gusta dar a visión dunha persoa que non viviu o momento que relata. Vivir con quen está padecendo e sufrindo a historia. Non concibiría a miña obra fóra dese contexto inmediato e próximo. Compre, de todas maneiras, distinguir literatura e propaganda. Pérez Reverte está a transmitir ideoloxía nas súas novelas e se el inflúe nunha xeración por que non o imos facer os que temos máis criterio? A miña obra non fai propaganda de ningunha opción política senón crónica como individuo político que todos somos. Dese esa perspectiva non podemos separar a miña obra do que son eu mesmo. Eu son a miña obra que é unha crónica literaria da realidade que estamos a vivir.