ALBERTO VÁZQUEZ

Alberto Vázquez: "Os premios son unha especie de proba de que as túas películas funcionan"

Alberto Vázquez: "Os premios son unha especie de proba de que as túas películas funcionan"
Alberto Vázquez
Alberto Vázquez  

Psiconautas, dirixida polo galego Alberto Vázquez e por Pedro Rivero, vén de ampliar o seu palmarés ao recoller en Madrid o Premio Platino á mellor película de animación. Atende Sermos Galiza ao pouco de coñecer que a súa multipremiada fita era recoñecida cun novo galardón.


O Premio Platino á mellor película de animación nos Premios de Cinema Iberoamericano, cuxa gala se desenvolveu na noite do sábado en Madrid, viaxa para Galiza. E faino da man do cineasta Alberto Vázquez, quen dirixiu a multipremiada Psiconautas con Pedro Rivero.

A película galega, que xa gañara o Goya na presente edición, impúxose á Meigallos (Brasil-Galiza), a La leyenda del chupacabras (México-España), a Teresa y Tim (España) e a Ozzy (España).

En declaracións a Sermos Galiza, o coruñés Alberto Vázquez afirma que “sempre está moi ben recibir premios, porque son un recoñecemento ao traballo feito”. Nesta ocasión, son uns galardóns “que están comezando –suman catro edicións- e engloban toda América Latina, Portugal e o Estado español”. “Para nós América Latina é un mercado descoñecido e por iso vemos este premio positivo de cara a nos visibilizar”, engade.

Asegura que os premios “serven para facer novos proxectos, que é o que me interesa”. Ademais, salienta que representan “unha especie de proba de que as túas películas, dalgún xeito, funcionan”.

"A animación é un xénero completamente sólido para poder contar historias de todo tipo”

Nas súas palabras, Psiconautas “está baseado nun cómic que fixen hai dez anos e vén ser unha historia política e social nunha contorna de fantasía: uns adolescentes tratan de escapar dunha illa contaminada e na que non hai traballo”. Trátase, di, dunha “fábula sobre a adolescencia” en que os protagonistas son “animais antropomorfos”.

Psiconautas, de Zircozine, Basque Films, Abrakam Estudio e La Competencia Producciones, é un filme para persoas adultas. Alberto Vázquez defende a animación como un “xénero completamente sólido para poder contar historias de todo tipo”.

O director explicaba, nunha entrevista concedida ao semanario Sermos Galiza, o proceso de produción e rodaxe dun filme creado para facer reflexionar.