CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Algo máis que un filme de leis e xuízos

Algo máis que un filme de leis e xuízos
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

The Children Act

(EUA 2017, 105 min.)

Dirección: Richard Eyre

Guión: Ian McEwan

Fotografía: Andrew Dunn

Música: Stephen Warbeck

Elenco: Emma Thompson, Stanley Tucci, Fionn Whitehead, Ben Chaplin, Eileen Walsh, Jason Watkins, Rosie Cavaliero

 

SINOPSE

Ao mesmo tempo que o matrimonio da xuíza Fiona Maye entra en crise, recibe o caso dun adolescente que se nega a recibir unha transfusión de sangue debido á que na súa relixión está prohibido. Saltándose o protocolo, a xuíza Maye acude ao hospital onde trata de convencer o rapaz.

 

CRÍTICA

Director de cinema, de televisión, de teatro, de musicais ou de ópera... Sir Richard Eyre non lle fai ascos a nada. Un todoterreo carismático e moi solvente. No cinema obtivo éxito notable en filmes nos que as personaxes femininas eran as protagonistas; concretamente foi con Iris, coa que acadou tres nomeacións aos Óscar en 2002, e con Diario dun escándalo en 2007, coa que acadou catro. Ambos os dous filmes tiñan Judi Dench como actriz principal. Agora, dez anos despois, volve ao formato cinema con outro rol feminino protagonista, desta volta interpretado por outra grande da escena: Emma Thompson.

Interpreta Fiona Maye, unha xuíza especializada en casos de menores. No persoal está pasando unha crise conxugal. Seica, a ollos do seu marido, está descoidando o matrimonio ao envorcarse demasiado no traballo. A pesar de ser unha muller pragmática e con saber estar, os problemas persoais comezan afectar notabelmente a xuíza Maye xusto cando recibe o mediático caso dun adolescente, testemuña de Xehová, que precisa unha transfusión de sangue para salvar a vida. A súa relixión prohibe calquera tipo de contaminación de sangue, pero a lei pode perfectamente obrigalo a realizar a transfusión. Con todo, a xuíza, nunha decisión que rompe con todo o procedemento xudicial precedente, acude ao hospital persoalmente para tratar de convencer o rapaz.

O filme está baseado na novela homónima de Ian McEwan, que ademais adapta o seu propio texto á gran pantalla. Conta con dúas partes diferenciadas. Na primeira céntrase no xuízo e a vida persoal da xuíza, tocando de fondo o tema do fundamentalismo relixioso. Na segunda metade pega un xiro inesperado facendo aflorar unha historia adulta, e moi ben contada, arredor do complicadas que pode chegar a ser as relacións interpersoais e de como afectan as decisións máis mundanas ao longo da nosa vida. Unha aposta arriscada nada doada de plasmar en pantalla de non ser por un elenco á altura, e ben dirixido, claro...

Unha fita para lucimento persoal de Emma Thompson que, como era de esperar, non desaproveita a ocasión. Tampouco queda atrás o bo facer dun Stanley Tucci en plena forma, que borda o rol de marido na crise dos cincuenta; ou a agradable sorpresa do xoven Fionn Whitehead, facendo do menor en cuestión, e confirmando o gran talento que apuntaba en Dunkerque (2017, Christopher Nolan).

Altamente recomendable para quen guste das pequenas grandes historias con fondo xudicial e tamén para quen saiba apreciar o esforzo interpretativo por transmitir os recunchos máis sutís do comportamento humano.



x